Mércores. 13.11.2019
El tiempo

Entrevista con Manuel Gago: “O litoral da Costa ten propiedades hipnóticas”

Entrevista con Manuel Gago: “O litoral da Costa ten propiedades hipnóticas”

Hoxe falamos cun dos máis importantes divulgadores culturais e gastronómicos de toda Galicia. Manuel Gago, ribeirense, é xornalista, director de culturagalega.org e profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais ábrenos as portas da súa cociña a través do seu blog Capítulo 0 para ofrecernos un menú degustación da vida do noso país.

Vén de lonxe a relación de Gago coa nosa bisbarra e por iso queremos falar de preto con el de varias cousas que atinxen ao noso patrimonio. Son moitas as referencias que atopamos sobre a Costa da Morte no seu espacio. Xa ten falado da enigmática figura circular do Cabo C, da resurrección da Fervenza do Xallas, de comer pola Malpica, de Poesía na fin do mundo, de comics, do castro tapado de Laxe, de Man de Camelle ou de Moiraime.

Así, comezamos unha rolda de preguntas nas que a gastronomía, a paisaxe e o patrimonio da Costa da Morte son as protagonistas.

  • QPC: Comecemos polo principio. Cando comeza a súa relación coa Costa da Morte?

Hai moitos anos, durante as típicas viaxes escolares. Pero a relación de verdade creo que comeza aos 15 anos, cando visito por primeira vez o monte Pindo cun amigo. Subiamos cara a Moa e había un silencio descomunal, un silencio como nunca escoitara. Só se escoitaba a buguina dun barco no mar, ao fondo, pero parecía que era alí ao carón, nesa valgada do Pindo: o barco bruaba, claro, para evitar colisións nesa perigosa tarde. Alí entendín a Costa da Morte. 

  • QPC: Que é o que máis lle chama a atención da nosa bisbarra? Cal é o seu meirande potencial?

O litoral, sen dúbida, ten propiedades hipnóticas para calquera que se achegue a el. É unha fermosura. O seu meirande potencial está na confluencia entre un marco natural privilexiado e un imaxinario latente aínda por explotar. Pero eu tampouco desbotaría o interior da Costa da Morte. Mentres que o mar é un espectáculo visual, o interior da Costa da Morte ofrece importantes recursos culturais, desde a arqueoloxía ata a etnografía ou a gastronomia. É un gran descoñecido. 

  • QPC: Cal pode ser o modelo de desenvolvemento da nosa atrasada bisbarra? Que industrias consideras que poden ser compatibles coa virxinidade do noso litoral?

Non creo na microespecialización económica das comarcas, porque iso fainas vulnerables nunha orde económica que cada vez é máis cambiante, pero é indubidable que o mar é un valor básico. No caso da Costa da Morte hai que facer evolucionar a relación entre home e mar. Ata agora esa relación, basicamente extractiva (vou ao mar e saco o que me bota), rematou por converterse en parasitaria. Precisamos reconverter a relación económica co mar, creando procesos ao redor del, apostando por novos produtos, engadindo valor á cadea, presionando para trasladar marketing á trazabilidade do peixe e marisco. Gústame moito o modelo da Confraría de Lira, pero están moi sós na comarca, polo momento. Cando me refiro a crear procesos ao redor do mar é que é preciso vertebrar negocios ao redor da súa explotación, diversificando referencias. Desde novos produtos desestacionalizados, como algas, ata modelos de industrias conserveiras que non teimen por competir coas industrias asiáticas e saquen produtos de valor e novas tecnoloxías vinculadas ao mar.

  • QPC: Cres que a Costa da Morte pode asumir o turismo como un auténtico motor económico? Que ten que facer?

Absolutamente. Coñezo persoalmente dous casos de costas privilexiadas en Europa e como o están a conseguir. A costa bretona, similar en parte a esta, está a apostar por un turismo náutico, por ríxidas normas de edificación que permiten non dilapidar os valiosos e escasos recursos paixasísticos pero tamén un turismo familiar. Na Bretaña as familias dispoñen dunha ampla oferta de lecer que complementa a praia (que é un recurso variable e non seguro polo clima). Esa oferta é practicamente inexistente na Costa da Morte.

Aquí queremos que veñan os ricos a gastar pero non damos nada a cambio. Pensamos que vivimos nun paraíso pero non nos decatamos de que aínda damos unha oferta moi deficiente e que Europa está chea de lugares tan fermosos coma o noso nos que pasar as vacacións. Ademáis, o turismo clave é o turismo familiar de clase media.

Un caso moi singular de costa de alto valor paixasítico é a Costa Croata. O goberno deste país está a reconstruír o país despois da guerra en parte grazas ás abundantes divisas do turismo. E este turismo está chegando porque o goberno, con cabeciña, cando entrou a democracia, unha das primeiras cousas que fixo foi limitar absolutamente a construción no litoral. O resultado é unha costa moi ben preservada no corazón mesmo de Europa que se está literalmente comendo as papas ao destrozado Levante español, que xa non interesa ao turista porque é feo. As autoridades e os cidadáns teñen que ser conscientes que cada horroroso chalé construído diante da praia supón un coste económico concreto e significativo na súa principal fonte de recursos económicos.

  • QPC: Xa entrando un pouco en materia patrimonial. Que lle falta a Costa da Morte para coidar verdadeiramente o seu patrimonio cultural?

A clave está en revincular aos cidadáns co seu patrimonio cultural. Son os cidadáns, os veciños, os que lle poden esixir aos políticos o estado dunha mámoa ou dun castro, igual que llo din dun contenedor de lixo ou dunha beirarrúa coas baldosas crebadas. A clave está en que os cidadáns se reapropien dun patrimonio que é seu. O ideal sería que cando un alcalde fose a unha aldea a venderlles as pistas e as farolas, os veciños lle cantasen as corenta por como está de porco o castro. Precisamos reactivar a sociedade na súa relación co patrimonio.

Non é doado saber que é a estrutura do Cabo C. Pode ser desde algo agropecuario do século XX ou XIX ata algo moi antigo. Debería elevarse a cautela arqueolóxica e facer unhas sondaxes previas á construción da piscifactoría para tentar determinarmos que é. O problema é que este tipo de estruturas, mesmo cando son moi antigas, ao mellor teñen poucos materiais que permitan datalas ou saber a súa funcionalidade. Se a estrutura, por exemplo, é da Idade do Bronce ou do Ferro, precisarías facer unha escavación en área, para ver se aparecen negativos de estruturas, etc. Intervir na estrutura é o de sentido común.

Sobre a propia construción da piscifactoría neste lugar, considero que ten un custe económico altísimo para o desenvolvemento turístico de Corcubión, que se poderá acabar traducindo en perda de empregos (a día de hoxe o máis importante). É terrible que se siga con esa filosofía.

  • QPC: Que che parece a adecuación do entorno do Dolmen de Dombate?

En primeiro lugar, paréceme ben que se musealicen e interveñan os espazos arqueolóxicos, especialmente se teñen un valor tan elevado como Dombate. Pero coa cuberta esa teño unha relación de amor-odio. Entendo que as pinturas deben ser protexidas, e podo entender que a solución técnica menos agresiva para o monumento é a súa cubrición, pero teño a sensación de que en Dombate quíxose que fose máis importante a cubrición que o propio dolmen. Hai que ter en conta que o dolmen foi construído nun lugar cun sentido sacral e funcional determinado, que só comprendemos en parte, e que ese contexto ficou dramaticamente alterado coa estrutura. E logo está o problema do financiamento deste recurso arqueolóxico. Nestes momentos só hai un garda e un guía, pero a información é escasa e o propio recinto comeza a estar descoidado. Non só é importante preservar o monumento de cara a galería, senón dinamizalo e inserilo na vida cultural da comarca.

  • QPC: A gastronomía é unha das súas formas de vida. Que produtos destacarías da Costa da Morte?

Obviamente, todo o que ten co mar, pero eu non descoidaría a terra. Os cogumelos da Costa da Morte son un tesouro por descubrir, así como o receitario tradicional, en vías de desaparición.

  • QPC: Cal é o teu recuncho fetiche da costa da Morte?

Uf, teño moitos. Pero un lugar espectacular é Castromiñán, nas proximidades de Fisterra. Por moitos motivos.

  • QPC: E un lugar para comer?

Tamén hai varios, pero a min gústame moito ir comer a Caldebarcos, aos diferentes establecementos da aldea, nos que hai unha relación calidade-prezo estupenda. Tamén gústame moito O Fragón en Fisterra, un dos poucos establecementos da zona que apostan por darlle un necesario toque innovador á abundante despensa da Costa.

Mais información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios