Venres. 13.12.2019
El tiempo

A Costa da Morte viu a Folga Xeral dende a barreira

A Costa da Morte viu a Folga Xeral dende a barreira
Manifestacion en Santiago do 14N-Foto- Asemblea Virtual

Pouco se deixou sentir a Folga Xeral Europea do #14N na Costa da Morte, malia que QPC si que pechou. Sen un só lugar onde poder exercer o dereito á manifestación, as vilas si que notaron unha baixada de movemento, e en algunhas parecía domingo.
De feito, na bisbarra o seguemento foi dispar. A falta de grandes industrias, a folga afectou lixeiramente aos centros escolares, pero moi pouco aos pequenos comerciantes. I é que nunha época na que as pemes son as que moven o país, esta clase de folgas deberían pegar un cambio de estratexia.

Así e todo, moitos veciños trasladáronse á Coruña, ou a Santiago de Compostela, onde alí si que as rúas estiveron cheas. Falan de 150.000 persoas nas rúas de Vigo, varias ducias de miles en Santiago, e entre 65.000 e 120.000 na Coruña.

I é que o baile de cifras é desalentador. A Xunta sitúa no 25% o seguemento na administración mentres que os sindicatos apuntan a un 100%. A nivel estatal, os sindicatos apuntan un seguemento do 76% polo 40 do goberno. E a baixada do consumo eléctrico sitúase no 12%, a pesar dalgunhas tácticas algo curiosas, como o que acontecía na Coruña, onde o alumnado público estivo aceso ata ben entrado o mediodía.

Seguemento na Costa da Morte

Como diciamos, o pequeno comercio non pecha. Ninguén se atreve a perder un día de facturación nestes tempos que corren. Pero outros sectores si que pararon. Por exemplo, as fábricas de Ferroatlántica cumpriron os servizos mínimos pero o seguemento foi masivo, ademais de que o persoal de servizos sociais estivo a media xornada. A nivel galego os sindicatos valoran un seguemento do 90% no sector.

Nos Concellos apenas os de Muxía e Dumbría, así como o de Vimianzo ou Zas, viviron xornadas a medias.

Pola contra, no Hospital Virxe de Xunqueira de Cee hai pouca reivindicación cando se fala de cousas de país, que non tanto cando se fala do seus problemas internos. Só un 14% secundaron a folga, co cumplimento do 100% dos servizos mínimos.
Unha reflexión extensible aos sindicatos de funcionarios, aos que hoxe non lles interesaba saír á rúa con toda a poboación, pero que cando se manifestan esixen a solidariedade da sociedade.

Exemplos positivos (en canto a exercer o dereito a manifestarse) atopámolos nos centros escolares. Os alumnos, en boa medida secundaron a folga, e tras falar con varios centros, máis da metade do alumnado non foi a clase. Entre os mestres poderiamos sinalar que 1 de cada 4 secundou a folga.

Comentarios