Venres. 19.04.2024
El tiempo

Adhara, de Adhara&Ritman: “Xa chegar a unha final dun concurso coma este é ser gañador”

Adhara, de Adhara&Ritman: “Xa chegar a unha final dun concurso coma este é ser gañador”

Vimos de coñecer hai unhas semanas a resolución do xurado do XI concurso Fran Pérez "Narf" na que anunciaban a Adhara & Ritman como un dos cinco finalistas. O próximo venres 22 de novembro terán que actuar na Sala A Pousada de Boiro na final do certame, no que poden gañar ata 3.000 euros. Pero, con todo este éxito, quen é realmente Adhara &Ritman?  

A agrupación formouse hai uns 3 anos aproximadamente dunha maneira totalmente casual, tal e como comenta Adhara Caamaño, vocalista da banda. “Hai 4-5 anos eu estaba traballando nun bar nos veráns en San Mamede. Xusto cadrou que Tito, guitarrista do grupo, viña de vacacións a alí coa moza”, explica a carnotá sobre os seus primeiros contactos.

Adhara xa estivera noutro grupo de Carnota con anterioridade, pero unha vez que remataron xuntos, ela non volveu a cantar. “Non atopaba con quen cantar. Ao mellor había esbozos de grupos pero que despois non saían adiante porque uns traballaban, outros non podían...”. Daquela os seus amigos a animaron a subir vídeos cantando a Facebook de cando en vez, xa que era o que máis lle apaixoaba e con tan boa sorte que Tito viu un deles e se puxo en contacto con ela : “Temos que quedar para facer algo, porque me gusta moito o que fas”, díxolle o que rematou por ser o guitarrista da banda, Tito Barbeiro.

O primeiro día que quedaron conectaron tan ben que xa gravaron o seu tema reggae de Rosalía de Castro, que comezou como un vídeo ‘de carallada’ para felicitar a unha amiga. “Eu dixen, ela sempre me está apoiando e vamos a darlle unha sorpresa, e a sorpresa a levamos nós cando ao día seguinte de subilo tiña mil e pico reproducións, xente chamándonos por teléfono para contratar concertos... E concertos non tiñamos que solo tiñamos ese tema”, conta Adhara entre risas.

A raíz de aí decidiron seguir adiante co proxecto e entre Adhara e máis Tito montaron practicamente todos os temas do primeiro disco. Posteriormente cando foron gravar o vídeo da canción ‘Libre Son’, a gravaron no estudo de Arturo, quen ao escoitar a súa música lle gustou tanto que dixo sen dubidar “quero unirme a vós”.

Deste xeito os tres, que xa se coñecían de antes, decidiron unirse. “Se tocamos, tocamos e se non tocamos, pois polo menos desfrutamos de algo que nos mola”, explica Adhara. Despois, chegou un momento no que precisaban dun baixista, que rematou sendo Andrés, cuñado de Tito. “Aquí queda todo na familia”, comenta a carnotá. É así como Adhara Caamaño (voz), Tito Barbeiro (guitarra), Arturo Kress (batería) e Andrés José Castro (baixo), remataron por ser Adhara &Ritman. Unha vez que se consolidaron nun grupo de 4 foi cando comezaron os concertos como tal.

Adhara e Ritman en concerto-Foto-Marcos Rodriguez 4

Unha gran variedade de estilos

O grupo está caracterizado pola gran variedade de estilos musicais que tocan, dende reggae, ata rock, soul, folk ou funky, entre outros. “Unha das cousas que tiñamos claras cando se creou o proxecto, ou polo menos eu tiña claro, que se volvía a cantar, ía a facer o que me saíse de dentro, non quería que me encadrasen nunha liña, nin quería aburrirme facendo o que me gusta”, explica a vocalista. E foi así como en todo momento sempre fixeron o que sentían.

En canto ás súas letras, algunhas están compostas por Adhara e Tito e outras son adaptacións de poemas, a maioría de Rosalía de Castro, figura coa que se sente moi identificada a vocalista: “Foi unha muller moi loitadora, foi unha das primeiras feministas... unha revolucionaria totalmente”.

De feito, a figura feminina é un dos seus máximos referentes, cousa que se pode ver en varias das súas composicións propias como Libre Son, Por elas e A Cuncheira de Sofán. Algo que a propia Adhara recoñece que é moi importante amosar: “Moitas teñen medo de que as maten, as violen...e nós non temos que ter medo a andar pola rúa, é unha cousa básica” 

Todos os temas, tanto os que compoñen coma os que adaptan, son temas que están pensados ao milímetro: “Eu son unha persoa que me raio moito. Temos terminado temas e volver a facelos porque non sinto o que teño que sentir”, explica Adhara. 

Ao principio tiñan medo de que este tipo de versións tan ‘propias deles’ non chegasen ao público da mesma maneira que a eles o facía. Porén a realidade foi moi distinta e dende un primeiro momento, estes temas de Rosalía de Catro tiveron unha gran aceptación do público. 

Agora, con un disco xa á luz e cun gran éxito ás costas, Adhara & Ritman ten previsto sacar o seu seguinte proxecto. ‘Por elas’ vai dar nome ao seu segundo disco, que xa está todo gravado. “Esperemos telo para o mes”, anuncia Adhara.

Adhara e Ritman en concerto-Foto-Marcos Rodriguez 2
Adhara & Ritman en concerto-Foto-Marcos Rodriguez 

Pouco a pouco, un gran éxito

Pasiño a pasiño, Adhara &Ritman foi facéndose o seu sitio e tras un camiño de sacrificios, combinando o que máis lles gusta, a música, co traballo, tiveron a súa recompensa chegando á final do concurso Fran Pérez "Narf". “Empezamos con nada.. e de facer isto a gravar un disco, a estar para sacar o segundo e que a xente estea interesada nel e despois quedar finalistas... É unha alegría tremenda”, expón a carnotá orgullosa.

Cando se presentaron nunca pensaron que chegarían a estas alturas: “Eu díxenlle a Tito, se queres mandar manda, pero cos grupos que se presentan... a donde vamos?”, pensaba Adhara, pero Tito, moito máis positivo, contestoulle “por mandar non pasa nada”. 

Hoxe, con un pe na final, Adhara recoñece que é todo un logro chegar ata aí. “Xa chegar a unha final dun concurso coma este é ser gañador”, declara a vocalista, quen engade, “todo isto llo temos que agradecer á xente que nos apoiou dende o principio e que confiou en nós antes incluso de que nós o fixéramos”. Ademais, fai unha mención especial a á artista muxiá Viki Rivadulla, xa que lles recorda aos inicios, nos que ela sempre estivo presente. “Confiou en nós antes que calquer persoa”, explica Adhara.

Comentarios