sábado. 17.01.2026
El tiempo

Alertan do agravamento do desemprego na Costa da Morte

Traballando no Bar de Lolo
Traballando na hostalería
Alertan do agravamento do desemprego na Costa da Morte

Aló polo 2009 falabamos de máis de 10.000 persoas en paro na Costa da Morte. Hoxe a situación está na metade, pero con todo, as cifras están a medrar e xa hai que lanza a alarma.

A Unión Sindical Obrera (USO) manifesta a súa preocupación polos últimos datos de desemprego rexistrados nos concellos da Costa da Morte, que confirman unha situación laboral preocupante, estrutural e cronificada, especialmente para as mulleres.

Segundo os datos máis recentes feitos públicos polos servizos públicos de emprego, a Costa da Morte inicia o ano con arredor de 5.000 persoas desempregadas, das cales máis de 3.000 son mulleres, o que supón máis do 60 % do total do paro rexistrado na comarca. Para USO, estas cifras non poden ser tratadas como un feito puntual nin atribuídas unicamente á estacionalidade.

A evolución do desemprego nos últimos meses amosa unha tendencia negativa continuada, con incrementos sucesivos do paro desde o verán pasado. Esta realidade evidencia que o mercado laboral da Costa da Morte segue a depender en exceso de sectores altamente estacionais e precarios, como o turismo e determinados servizos, sen que existan políticas eficaces de diversificación económica nin de creación de emprego estable.

Desigualdade territorial e concentración do paro

USO alerta tamén da desigualdade entre concellos, xa que unha parte moi significativa do desemprego concéntrase nos municipios con maior poboación e actividade económica, como Carballo, pero sen que iso implique mellores oportunidades laborais nin empregos de maior calidade. Nos concellos máis pequenos, pola contra, o paro convértese nun factor de expulsión de poboación, especialmente de xente nova.

Esta situación está a provocar un envellecemento progresivo da comarca, a perda de talento e a emigración forzada, xerando un círculo vicioso que dificulta aínda máis a recuperación económica e social da Costa da Morte.

A fenda de xénero: unha emerxencia laboral

Un dos datos máis alarmantes para USO é a clara feminización do desemprego. As mulleres continúan sendo as máis afectadas pola falta de oportunidades laborais, pola parcialidade involuntaria, pola temporalidade e polos baixos salarios. A ausencia de políticas reais de conciliación e a precariedade do emprego feminino fan que moitas mulleres queden atrapadas no desemprego ou en traballos sen estabilidade nin dereitos.

Falta de políticas activas de emprego eficaces

A organización sindical denuncia a ineficacia das políticas activas de emprego aplicadas na comarca, baseadas maioritariamente en plans temporais, subvencións de curto percorrido e programas que non xeran emprego estable nin melloran as condicións laborais.

Por iso piden un plan comarcal de emprego estable, adaptado á realidade da Costa da Morte; así como medidas específicas para combater o desemprego feminino e a precariedade laboral; e un apoio real á industria, ao sector primario e ás actividades con capacidade de xerar emprego sostible durante todo o ano.

Comentarios