martes. 20.01.2026
El tiempo

Arquivada a causa pola vertedura dos "pellets" que invadiron media Galicia

Pellets microplasticos Quilmas
Arquivada a causa pola vertedura dos "pellets" que invadiron media Galicia

Non haberá culpables pola catástrofe ambiental dos microplásticos, que puxo en pé a media Galicia hai xusto un ano.  

O Tribunal de Instancia de Noia vén de acordar o arquivo da causa da vertedura de "pellets". Unha decisión que supón o o sobresemento definitivo da causa (cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña) na que se investigou as posibles responsabilidades penais derivadas da vertedura de pellets do buque Tocomao, en decembro de 2023. Tras a práctica das dilixencias de instrución que se consideraron pertinentes, e tendo en conta o contido de toda a proba documental, a instrutora conclúe que “non se pode inferir a existencia de ilícito penal algún, sen que pase, no seu caso, do ámbito dunha posible infracción administrativa”.

No auto, explica que o informe presentado pola Dirección Xeral da Garda Civil, Xefatura do Seprona, conclúe que, dadas as condicións meteorolóxicas no momento de producirse a perda, xunto cos indicios relativos á navegabilidade do buque e o modo de proceder do capitán, así como do resto da tripulación, “a caída pola borda dos seis contedores foi consecuencia dun golpe ao buque pola ondada ao seu lado de babor, cumpríndose os protocolos de carga por parte da empresa operadora, sen que se producira irregularidade algunha que ocasionase a caída dos contedores”.

En relación coa toxicidade da vertedura e a súa afección ambiental, de acordo co informe pericial, a instrutora salienta que “da análise dos pellets recollidos nas costas afectadas non se revela toxicidade ou concentración de substancias tóxicas na súa composición, de modo que non se prevé un impacto significativo a medio ou longo prazo ocasionado por vertedura de pellets en relación co impacto do resto de microplásticos presentes na contorna marítima”.

Por último, e en canto á afección dos espazos protexidos, a xuíza destaca que se conclúe, dos informes remitidos pola Xunta e a Unidade de Medio Ambiente da Fiscalía Xeral do Estado, “que os escasos restos de pellets atopados nas zonas protexidas non produciron dano no ecosistema dunar das lagoas de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixan, así como que tampouco se produciron danos que poidan prexudicar á biodervisidade nin ao ecosistema do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia”.

Por todo iso, determina que “non se produciu unha infracción das leis e outras disposicións de carácter xeral protectoras do medio ambiente, suficientes para xustificar a intervención da vía penal”. 

Máis novas

Comentarios