xoves. 01.05.2025
El tiempo

As cartas do avó Pascasio: A nacionalización do Centro Galego de Bos Aires

As cartas do avó Pascasio: A nacionalización do Centro Galego de Bos Aires
Centro Galego de Bos Aires Centro Galego de Bos Aires

Moi querida neta Cristina:

Escríboche a primeira carta do novo ano para informarche do apagada que foi a cea coa que despedimos o 2015. Sobrounos cantidade de marisco fresquito da ría de Laxe e Corme. Cóntoche que lle regalamos máis de 50 quilos de percebes xigantes aos nosos veciños tanos. Era o correcto. Eles invitáronnos o 29 aos ñoquis para que a sorte nos acompañe na nosa vida celestial. Estaban comendo ravioles de ricotta e noz. Enseguida apartaron os pratos para chuparse os dedos cos percebes máis sabrosos do mundo. Fixeime en que as caixas dos ravioles, amontoadas nunha esquina para reciclar, eran de “A Xuvenil”. Non dixen nada. Son boa xente pero un pouco fanfarróns cando falan das pastas frescas. Non quixen avivalos de que aqueles ravioles de alta calidade son “gayegos” ao estar fabricados por unha familia de emigrantes de Vimianzo e Zas.

Preguntaraste pola nosa falta de apetito. Co noso corazón saturado de angustia, é comprensible que non esteamos para festas. O glorioso Centro Galego de Bos Aires está en coma. Ata onte estaba na Unidade de Coidados Intensivos, estable dentro da gravidade pero ao quitarlle a asistencia en pesos que recibía a súa saúde quebrouse enormemente. Estamos abatidos. O diñeiro público era o sangue que o ía mantendo activo en espera de poder camiñar sen axuda. O cambio de goberno prexudicouno. Sen recursos externos non hai forma humana de pechar as contas ou cadrar o balance. Din os expertos que o sistema mutualista está anticuado. Os avós pensamos que non é un tema de moda. Sempre haberá enfermos. Quizais haxa que recoñecer que os nosos descendientes non souberon administrar o legado que lles deixamos.

Non podemos quedarnos de brazos cruzados. Non sabemos que debemos de facer. Antes estabas ti para botar unha man pero agora o presidente é un “tano” co que non temos confianza. Menos mal que o ministro de Saúde é de sangue noso polo que supoñemos entenderá que o Centro Galego é patrimonio de galegos e descendientes arxentinos. Buenoo, agora é moito máis arxentino ao quedar poucos paisanos vindos do noso paraíso atlántico. O que temos ben claro é que nos opoñeremos aos aproveitados que veñan a morfar gratis. A dignidade emigrante consistía en gañarse o pan coa suor da fronte. Pecharémoslle o paso a calquera “garronero” desde nosa trinchera celestial rioplatense.

O máis doloroso para nós é decatarnos -acá arriba sábese todo- que un grupo de ex directivos apostan forte pola privatización. Son os típicos derrotistas deprimidos. Prefiren entregarse antes de loitar si albiscan que hai pesos en xogo. Elixen o camiño fácil, o da papita rica que ofrecen os empresarios da sanidade privada. Fai máis de 100 anos que os galegos aviváronse. Querían bailar ao son das gaitas nas festas pero tamén pensaron en dotarse de médicos propios e sanatorio. O pago dunha cota mensual permitíalles asistir a actos culturais, médico e sanatorio cando fose preciso. A orixe de toda entidade galega no exterior ten a mesma finalidade. Non unimos para protexer a nosa identidade.

Non fai moito que empezamos a sufrir. Asustámonos cando o último presidente electo presentou a súa renuncia. Borrouse ao ver que non contaba co apoio unánime das agrupaciones. Aquel día triste comezou a agonía e non houbo xeito de levantar a cabeza. Carlos Alberto Vello é persoa nobre, bo coñecedor do modelo mutual de asistencia médica, pero non puido sobrepoñerse ao golpe recibido. Quería dirixir un equipo armónico de remeiros que navegasen con ritmo cara á recuperación. Non puido ser. Se fas memoria, Cristina, recordarás que che pediron axuda unhas socias. Estaban abatidas co buraco presupuestario que non se conseguía tapar e alarmadas polo escaso grado de civilidad das protestas dos empregados. Ninguén lles discutía o seu dereito a protestar pero non é correcto o andar polos corredores do sanatorio cos ruidosos bombos.

A autoridade xudicial competente nomeou un interventor para intentar saír do pozo e administrar con eficacia o diñeiro do INAES. O aporte ía destinado, principalmente, ao pago dos salarios. Foise atendendo aos socios e fóronse pagando os soldos. Houbo eleccións e cambiou o goberno. Cortaron a axuda económica polo que supoñemos que enseguida volverán os actos de protesta e o descrédito da entidade xa que non hai ingresos suficientes coa actual cantidade de socios. Cremos que a mellor saída e a máis xusta é que o sector médico pase á órbita do ministerio de Saúde. O estado arxentino recibe un hospital en lugar céntrico da capital e con boas instalacións. A cambio deberá de manter a prestación dos servizos sanitarios. Non poderá cambiar o destino das instalacións. ¡Ollo! Falamos da nacionalización dun hospital que fundaron os emigrantes. Non estamos falando dun local na esquina de Belgrano e Pasco para instalar alí un Shopping Center.

Outro tema que logo se debaterá é sobre a titularidade singular do apartado cultural que está formado polo Instituto Arxentino de Cultura Galega e o Panteón Social. Ben, outro día sígoche contando. Xa che entretiven bastante tempo. Déixoche libre para que vaias consentir aos netos. Recibín o agarimo do vello emigrante que che desexa un ano cheo de saúde.

- Pascasio Fernández.

 
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com).
 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).

Comentarios