As outras coincidencias con Sicixia: Da lenda da Buserana á da Serea dos Mariño

Nun artigo que publiquei, a resultas da estrea de Sicixia en Carballo, en La Voz de Galicia o pasado día 29 de novembro (“Un canto ás paisaxes e ós sons da Costa da Morte”) comentaba que o filme, ademais de compartir escenarios coa miña novela Costa do Solpor (2013), o seu argumento me fixera lembrar o doutro importante filme, ‘As pontes de Madison’ (1995), protagonizado por Clint Eastwood e Meryl Streep.
Daba por sentado que en Sicixia o paralelismo coa lenda da Buserana era evidente: un forasteiro (un alleo) que seduce cos seus cantos (os senlleiros sons da Costa da Morte) a unha fermosa moza da comarca. A historia remata no filme no mesmo lugar onde remata a lenda: na boca da furna, pois os dous amantes séntense chamados por ela. Do que non me decatara no momento fora que na película tamén hai unha clara alusión a outra famosa lenda de mar: á da serea dos Mariño, familia fidalga que a incorporara ó seu brasón. Olalla acaba mergullándose, cal serea, nas augas mariñas entre as súas algas; sen dúbida o lugar onde se atopa máis a gusto.
Reinterpretación das lendas populares
Con isto, non só a cinta comparte escenarios con ‘Costa do Solpor’, senón tamén o interese por actualizar ou reinterpretar as dúas lendas. Na película trasládanse á actualidade; na novela sitúanse a mediados do séc. XVIII e sométense ó ditado da razón por boca dunha fermosa fidalga, influída pola visión do mundo do seu pai ilustrado. Non esquezamos que estamos no Século das Luces, e as ideas da Ilustración tamén daban chegado a certas persoas reformistas da Galicia rural. O fidalgo don Cristovo de Lobeira e a súa filla, a fermosa e culta Mariña, eran dúas desas persoas que decote sometían todo ós ditados da razón e procuraban buscar explicacións racionais para as lendas populares, nas que aseguraban que sempre había nelas un pouso de verdade.
O certo é que o argumento de Sicixia, en aparencia tan simple, dá que pensar máis do que parece, e iso quizais foi o propósito de Ignacio Vilar, guionista e director. El o saberá, como é lóxico; os demais só supoñemos. Por outra parte, causoume lóxica satisfacción observar estas coincidencias argumentais, que tamén se dan en certo modo na reinterpretación das lendas populares acorde cadaquén coa súa época. Na novela o capítulo 44 (“A serea tenante”) é unha boa mostra, aínda que non a única. Así e todo, coma no filme, tamén se lle dá voz á narración popular (cap. 47: “A estoria do Trabeiro”, coma tal). A maiores, a fidalguiña dona Mariña, como hipotética descendente dunha serea, tamén se sente máis a gusto –e máis forte- entre as augas do mar que na terra.
Os escenarios mariños

Como mostra da mutua coincidencia en boa parte dos escenarios, sirva a foto que adxunto da boca da furna da Buserana desde o mar, realizada o 14 de agosto de 2004 cando estaba pensando (non escribindo) a novela. Ós que viron a película seguro que lles é familiar. Só é posible facer esta foto desde o mar, desde unha embarcación. Aquel día agrisado de agosto, con certa brétema na terra, acompañara como único tripulante –tripulante pasivo- ó patrón ribadense e navegante solitario Ramón Acuña no seu pequeno iate, nunha xira organizada pola asociación Neria que partira do porto de Corcubión, recalara no de Fisterra para despois virar a estribor no cabo de Fisterra –desde a súa punta, a “nave de pedra de velames rafados polo aire” do poema de Alexandre Nerium- e pasar moi preto dos cabos da Nave (O Berrón), Touriñán e Vilán, entre os cales quedan a punta da Vuitra, a Arnela e o monte Cachelmo coa furna da Buserana nas súas entrañas. É a primeira vez que falo desta curta singradura mariña –o meu tímido bautismo de mar- que me serviu moito para as descricións das esgrevias costas fisterrás e muxiás da novela; o filme de Vilar tróuxome á cabeza estas lembranzas.
Nin que dicir ten que sigo sentindo a atracción da Buserana e que tamén ansío volver ver a súa enorme boca desde o mar, a única maneira de contemplala, pois desde terra non é posible. Esperemos que no próximo 2017 poidamos realizar este soño.

- Xosé María Lema Suárez.
Novas sobre Sicixia
Novas sobre Lema Suárez
- Lema Suárez, Premio da Crítica de Creación Literaria.
- Cheo para descubrir a Ruta Costa do Solpor.
- A Costa do Solpor de Lema Suárez lidera o top-10 das obras narrativas galegas do 2013.
- Xosé María Lema trouxos os piratas de volta a casa.
- Lema Suárez estréase coa súa primeira novela de piratas “Costa do Solpor”.
Artigos de Lema Suárez en QPC
- A longa e teimosa loita polo Conxunto Etnográfico do Mosquetín.
- Case dúas décadas do recoñecemento oficial da Terra de Soneira no Mapa Comarcal de Galicia (I).
- Case dúas décadas do recoñecemento oficial da Terra de Soneira no Mapa Comarcal de Galicia (II).
- A vergonza do abandono, entre toxos e silvas, de catorce dólmens declarados BIC pola Xunta.
- A curiosa prehistoria do fútbol da Costa daqueles anos vinte.
- Costa do Solpor (I): a viaxe de volta da illa do tesouro.
- A placa de Zennor (Cornualles), ou a tristeza pola morte dunha lingua. ¿Levamos en Galicia o mesmo camiño?.
- O mellor edificio da Costa da Morte.
- A Costa da Morte, nai nutricia inesgotable de anécdotas.
- O 12 de abril, a data exacta dos 50 anos da Liga da Costa.
- Reflexións sobre o incencio do Santuario da Barca de Muxía.
- As traducións e a (in)visibilidade da literatura galega.
- A oposición da Xunta aos parques naturais.
- O ascenso, a celebración ideal do cincuentenario do C.D. Baio.
- A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa (II).
- A repercusión mediática do libro do Baio e Liga da Costa.
- Un accidente por culpa do galego (a realidade supera a ficción, e non vos riades).
- O dramaturgo Roberto Vidal Bolaño e a súa infancia en Baio.
- Os haikus de Miro Villar.
- Vítor H. Brandalise, un brasileiro seguindo os pasos do caderno de campo do xeógrafo Domingo Fontán por Galicia.
- As imaxes roubadas das igrexas de Nande e Traba (Laxe): hai interese por evitalo?.
- Avelino Pousa Antelo, lembranzas persoais.
- Finou o vello galeguista Avelino Pousa Antelo.
- Bicentenario da Constitución de Cádiz: actitudes opostas de dous cregos da Costa da Morte en 1812.
Fonte
- Artigo de Xosé María Lema Suárez.