Ata 48 horas sen luz tralo paso de Herminia: “E isto é o primeiro mundo do siglo XXI”

O paso da borrasca Herminia volveu evidenciar as precarias infraestruturas de servizos básicos que temos na Costa da Morte e no resto do país. Máis de 13.000 persoas quedaron sen suministro eléctrico estes días, e moitas delas, imposible contabilizar, foron da Costa da Morte.
Houbo famiias que pasaron ata 48 horas sen luz en zonas como Santa Uxía de Ribeira (Dumbría) habendo tamén importantes afectacións en zonas da parroquia de Arcos (Mazaricos), ou mesmo nalgunha zona de Cee, como Bazarra, onde varias casas estiveron 20 horas sen electricidade (dende as 19:00h da tarde do domingo ata as 10:00h, de aí ás 16:00h con irregularidades, e de 19:00h a 0:00h de novo sen luz tras un raio, que deixou todo Cee apagado, pero só durante 5 minutos, agás en Bazarra).
”En todos os temporais quedamos sen luz”, recoñece unha veciña resignada, “pero soemos pasar entre 2 e 5 horas, pero é que isto xa é pasarse”, lembra enfadada tras pasar dúas noites sen luz na casa. “Non sei quen é o responsable, as administracións ou a empresa, pero nos dous casos non fan caso aos veciños porque no século XXI non é normal que cada vez que sopla o vento perdamos enerxía e se nos avaríen os nosos electrodomésticos, ademais do frío que pasamos”, critica.
A realidade é que paso de Herminia provocou numerosas caídas varias árbores sobre postes da luz e mesmo varios postes de cableado, pero por exemplo en Santa Comba afortunadamente os afectados foron cables de tendido eléctrico e de alumeado público.
Onde si provocou máis problemas co suministro eléctrico foi por Mazaricos. Desde as 18:00h do domingo ata as 14:00 do luns, moitas zonas de Arcos, media parroquia de Colúns, as zonas de montaña de Carnota e Paxareiras… estiveron sen electricidade.
48 horas sen luz en Santa Uxía
A familia de Plácido Trillo xa está afeita á precariedade das nosas infraestruturas ata o punto de contar un grupo electróxeno propio que usan nas emerxencias. Tiveron que prendelo o domingo ás 19:00h, cando marchou a luz, e tamén a telefonía, neste fermoso lugariño dumbriés situado á beira do encoro de Santa Uxía.
Plácido critica ademais que “non temos dereito a reclamar daños por falta de suministro ata pasadas as 48h, e por si fose pouco agora chamas por avería e aténdeche unha persoa do outro lado do mundo dunha “comercializadora”. A cousa é para volverse tolo porque tras decidir trasladarse á oficina da súa comercializadora en Cee, dinlle que utilice internet. “Parece unha broma. O mundo ós pés das eléctricas”.
Plácido non entende como a infraestrurura non ten “un seccionador en cada población para non afectar a varios concellos ao mesmo tempo”, sinalado que a súa avaría depende do cableado de Mazaricos.
”E isto é o primeiro mundo do siglo XXI”, reflexiona.