As secuelas da borrasca Herminia

Despois do potente paso da borrasca Éowyn e sen tempo para recuperar, chegou Herminia. E as consecuencias foron moitas esta fin de semana, sobre todo preto do curso dos ríos, e nomeadamente do río Xallas.
En toda Galicia houbo máis de 600 incidencias (252 na provincia da Coruña, e a xornada deportiva dominical suspendida por completo) e zonas como Castriz ou Brandomil quedaron absolutamente anegadas, debido aos 165.6 Litros por metro cadrado de chuvia acumulado, a cifra máis alta de Galicia rexistrada na estación de Fontecada, en Santa Comba.
Varias estradas da zona, do Concello de Zas e de Santa Comba, estiveron pechadas ao tráfico durante boa parte do día.

Sin luz
Ademais, dende as 19:30 da tarde do domingo, zonas de Dumbría como Santa Uxía e outras partes de Mazaricos (parroquia de Arcos, nomeadamente), estiveron sen suministro eléctrico, e sen comunicacións nin internet desde a mañá dominical.
Tamén en zonas de Cee como Bazarra levan dende as 19:00h da tarde do domingo sen luz, cos problemas que xera na poboación e nos negocios, e a falta de responsabilidade de administracións e empresas suministradoras.
O Vento: Incidencias en Muxía e Camariñas
A potente borrasca deixou tamén fortes refachos de vento como 144.8 km/h en Vimianzo ás 5:40h da madrugada do sábado ao domingo; ou os 123.3 km/h rexistrados en Malpica ás 1:40 desta pasada madrugada.
Así afectou en Muxía, tirando abaixo o muro da entrada do campo de Arliña.