Axenda completa da Semana Santa na Costa da Morte
Repasamos a axenda para que lle poidades contar todo o que pasa na Costa da Morte por Semana Santa aos vosos visitantes. Ademais do triunvirato principal de citas (Fisterra, Camariñas e Carnota), repasamos as citas que nos levan por Muxía coa Festa do Congro, polas procesións de Muros, Corme e Laxe, polas citas culturais de Malpica ou Vimianzo, ou pola arte contemporánea que toma a aldea fisterrá de Mallas.
A Semana Santa e Festas do Cristo de Fisterra
Arrincamos a axenda na fin da terra, pois é a mellor maridaxe entrte liturxia, etnografía e verbena. A sentida Semana Santa fisterrá, cunha marea innumerable de procesións nas que está implicado máis de medio pobo, marida coas Festas do Cristo que encherán de verbeneo os vermús e as noites de sábado, domingo e luns.
A visita a Fisterra pode compaxinarse cunha interesante parada na Casa das Peritas, un dos centros de arte contemporáneo máis auténticos da provincia, situado na aldea de Mallas.
Mostra de Encaixe de Camariñas
Arrinca hoxe mércores a XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. Ata o domingo haberá desfiles e artesanía, pero tamén libros, música, gastronomía, teatro… O Pavillón Víctor Vigo será un fervedoiro ata o domingo.
Víndemo Ver en Carnota
O talento local é protagonista na XIII edición da Mostra Víndemo Ver de Carnota. O mercado da Deputación, cheo de produto local e artesanía, marida cunha marea de actividades arredor do solpor.
Unha das citas singulares é a proxección, este xoves 2, do vídeo documental meteorolóxico de Antonio Nodar sobre os ceos da Costa da Morte.
Ademais podedes pasar pola exposición singular que ofrece O Tinglado.
Festa do Congro
A XXVIII Festa do Congro chegará a Muxía os vindeiros 3 e 5 de abril coa tradicional degustación deste peixe no porto de Muxía.
A acción no centro da vila da Barca pode completarse cunha visita ao Camping Lago-Mar, afianzado xa como referente cultural, ofrecendo unha programación gastronómica e cultural estupenda.
Semana Santa de Laxe
Laxe terá unha programación cultural e llitúrxica pensada para todos os públicos, que combina tradición, historia, música e cultura nun ambiente único. O Museo do Mar estará moi vivo.
Semana Santa de Muros
A concellaría de Cultura e Turismo e a Asociación Semana Santa Muradana presentaron a programación da Semana Santa Muradana 2026, unha das citas máis destacadas do calendario cultural e relixioso do municipio, que combina tradición, participación veciñal e atractivo turístico.
Semana Santa de Corme
A principais procesións coinciden do 2 ao 5 de abril. Unha das citas, este mércores 1 no Museo de Corme, coa presentación do libro de Xesús Búa sobre os percebeiros e percebeiras da comarca.
Coidando o Patrimonio en Vimianzo
Ata o 5 de abril, hai ofertadas conxunto de actividades pensadas para todos os públicos e co obxectivo de poñer en valor o patrimonio histórico, cultural e etnográfico do municipio: os Batáns e Muíños do Mosquetín, ao Dolmen de Casa dos Mouros, ao Dolmen de Pedra Cuberta, ao Castro das Barreiras e ao Porto de Cereixo.
Unha diversa programación en Malpica
Malpica ofrece unha Semana Santa Cultural e Deportiva 2026, cun programa de actividades en distintos espazos do municipio dirixido a público infantil, xuvenil e adulto, con inscrición previa en determinadas propostas e outras de carácter aberto e gratuíto.
Nace unha nova Revista Literaria en Corcubión
O sábado ademais estréase unha nova revista literia en Corcubión.