xoves. 26.03.2026
El tiempo

O epicentro da arte contemporánea da Costa da Morte volve abrir por Semana Santa en Mallas

Asi lucia o xardin da Casa das Peritas o ano pasado
Así lucía o xardín da Casa das Peritas o ano pasado
O epicentro da arte contemporánea da Costa da Morte volve abrir por Semana Santa en Mallas

A arte contemporánea é para todos os públicos, e con esa premisa, Tomás Lijó e Natasha Lelenco convirten esporádicamente a súa casa/estudio na aldea de Mallas nun auténtico museo. A cita coa Semana Santa parece xa obrigatoria para eles, facendo que a axenda litúrxica, etnográfica e verbeneira da vila do Cristo teña tamén unha arista de artística.

A Casa das Peritas abre este vindeiro sábado 28 de marzo ás 12:00h unha nova exposición, que poderá visitarse ata o 5 de abril. A proposta, comisariada por Natasha Lelenco, reúne obra de once artistas e articúlase arredor dunha pregunta sinxela que funciona como punto de partida do proxecto: que sentido ten facer unha exposición de arte contemporánea nunha aldea da Costa da Morte?

Máis que ofrecer unha resposta pechada, a exposición propón un marco de traballo situado no que as obras dialogan co contexto e coas persoas que o habitan, sempre dende a aposta por conectar a práctica artística contemporánea co territorio e coa comunidade.

Durante unha semana, a aldea convértese nun espazo de encontro no que se cruzan prácticas artísticas, experiencia compartida e participación, explica a artista moldova afincaga en Galicia.

Compoñen a exposición obras de Sula Repani, Inés Silvalde, María Magán Lampón, José Perozo, Vera Vizzi, Nico Pearleyes, Elizabeth Art Candy, Colectivo Gozo, Sofía Cristina Jiménez, Óscar Aldonza Torres e Natasha Lelenco, tamén comisaria da exposición.

Na liña das accións anteriores, o proxecto incorpora tamén accións abertas que expanden a exposición cara ao espazo público. O sábado 28 ás 17:00h terá lugar Pintar as rúas da aldea, unha intervención colectiva coordinada por María Magán Lampón e pensada para a participación de nenos e nenas xunto coas súas familias. O sábado 4 de abril desenvolverase Porta, unha intervención escultórica de Óscar Aldonza sobre unha casa abandonada da aldea, tamén aberta á interacción co público.
A programación pecharase o domingo 5 de abril cun viño de despedida ás 12:00h con Quico Cadaval.

A exposición conta coa colaboración do Concello de Fisterra e Godello Mara Martín.

Programa

Do 28 marzo ao 5 abril, con entrada gratuíta, en horario de 12:00h a 14:00h e de 17:00h a 21:00h.

Para inauguración, do sábado 28 marzo, ás 12:00h, recoméndase confirmación de asistencia en casadasperitas@gmail.com

O sábado 28 marzo ás 17:00h realizan a acción "Pintar as rúas da aldea", unha intervención colectiva familiar coordinada por María Magán Lampón

O sábado 4 abril, toca a acción, "Porta", unha intervención escultórica de Óscar Aldonza, nunha nova acción participativa na porta dunha casa abandonada en Mallas. 

E o omingo 5 abril, ás 12:00h, Clausura cun viño de despedida con Quico Cadaval.

Máis axenda para a Semana Santa Fisterrá

Comentarios