Xoves. 18.04.2024
El tiempo

O BNG comarcal presenta unha batería de propostas para que os Concellos combatan conxuntamente a crise sanitaria

O BNG comarcal presenta unha batería de propostas para que os Concellos combatan conxuntamente a crise sanitaria

BNG Costa da Morte

O BNG vén de elaborar un documento de achegas comúns para todos os concellos da Costa da Morte. “O escrito é común a todos os concellos, polo que contén todas as medidas que consideramos imprescindibles, por iso é preciso que os gobernos o estuden e descarten aquelas que xa foron tomadas nos días que levamos de crise sanitaria”, declarou Serxio Domínguez, responsable comarcal do BNG na Costa da Morte.

Estas son as medidas de información e comunicación:

  • Crear un apartado no web municipal “Coronavirus” no que se informe de todas as novas, medidas e recomendacións relativas ao coronavirus.
  • Informar á corporación para unirse en todas as medidas que se tomen e achegar todas as melloras que se poidan.
  • Actualizar e difundir por todos os medios do Concello a información coas recomendacións, teléfonos de contacto, resolucións da comisión, información sanitaria, etc.

Medidas con voluntariado:

  • Creación dun rexistro de voluntarios e voluntarias con perfís persoais e profesionais que poidan ser útiles neste momento (psicólog@s, traballadores e traballadoras sociais, estudantes ou profesionais de ramas sanitarias, etc.) para funcións como atención psicolóxica, loxística na atención sanitaria, acompañamento telefónico e dixital ou calquera medida abalada polas autoridades sanitarias que poida ser de utilidade para a veciñanza.
  • Posta en marcha dun programa de acompañamento telefónico ás persoas da terceira idade e a aquelas que son máis vulnerables, para evitar os efectos do illamento, coñecer de primeira man o seu estado e poder facer seguimentos diarios.
  • Creación dun rexistro de ofertas voluntarias e demandas de bens e subministros que poidan ser de utilidade neses momentos.

Medidas Sociais:

  • Implementar axudas de emerxencia ás familias para afrontar as necesidades dos e das menores, familias desfavorecidas e afectadas polo impacto da situación socioeconómica do coronavirus.
  • Reforzo e ampliación de atención telefónica de urxencias sociais para atender as necesidades da poboación máis vulnerable
  • Atención ás persoas sen fogar, adoptando as medidas necesarias para que se garanta o seu dereito á saúde.
  • Esixir da Xunta de Galiza a atención ás residencias de persoas maiores, menores ou dependentes, que garantan a saúde das persoas residentes e dos traballadores e traballadoras.
  • Coordinar coas outras administracións un protocolo de atención e seguimento a vítimas de violencia machista.

Medidas do Servizo de Limpeza

  • Reforzar a desinfección e fumigación dos espazos públicos, especialmente aqueles de maior concentración de persoas e nos días de maior tránsito de veciños e veciñas: centros de saúde, supermercados, farmacias...
  • Recollida de lixo porta a porta baixo petición de persoas vulnerables.
  • Protocolo de recollida de lixo a domicilio para posíbeis doentes positivos por coronavirus. Medidas para o Persoal e servizos de titularidade municipal
  • Asegurar a dotación de equipas de protección individual a todas as persoas que desenvolvan labores en contacto co público. Asegurar o cumprimento dos protocolos de prevención en todos os servizos de titularidade municipal.
  • Impulso do teletraballo e da atención telefónica e/ou telemática, reducindo a atención presencial ao imprescindíbel.
  • Asegurar o mantemento do emprego nos servizos de titularidade municipal (evitar a suspensión de contratos que impliquen a destrución de emprego).

Medidas fiscais:

  • Facer un plan de aprazamento, fraccionamento ou condonación, (ata onde a lexislación permita) dos impostos, recibos e taxas en función das situacións concretas de cada persoa ou empresa. Seguindo estes criterios para o aprazamento da taxa de recollida de lixo comercial ás actividades pechadas, así como de todos aqueles impostos municipais pendentes de pasar a cobro
  • Iniciar o estudo para a posta en marcha, pasado o período de emerxencia sanitaria, dun Plan de reactivación económica naquelas cuestións de competencia municipal (dinamización do comercio local, fortalecemento dos servizos, incremento do investimento –vencellado a aquelas actuacións con maior impacto na xeración de riqueza e emprego-, etc. (As medidas a adoptar deben complementar ás doutras administracións).
  • Estudar as demandas para flexibilizar o pagamento de alugueiros e concesións municipais aos diferentes axentes (praza de abastos, etc.) así como a posibilidade de elaborar axudas económicas directas a persoas afectadas e necesitadas.
  • Demandar a eliminación urxente da regra de gasto, a obrigatoriedade de realizar plan económico financeiro, os obxectivos de déficit e os límites de endebedamento dos Concellos, xa que restrinxen a capacidade de investimento, de reforzamento dos servizos municipais e de contratación de persoal por parte das institucións locais, limitando enormemente a súa capacidade de resposta á crise.
  • Reforzar as Axudas de Emerxencia Social para evitar situacións de exclusión. Propostas para actuar fronte ao Covid-19 dende o concello.
 

Todas as novas do Coronavirus

Comentarios