Seguen activos esta mañá, pero máis controlados e sen afectación ás vivendas, os lumes de Corme e Xaviña

Non son malas as novas as que recibimos esta mañá de mércores arredor dos 3 lumes que seguían activos esta noite. Segundo informa Medio Rural a esta hora (9:00h da mañá do mércores 9) os lumes de Corme e de Xaviña continúan activos, sen afectación ás vivendas, mentres que o de Lourido parece que foi controlado.
Nestes momentos da mañá xa non ha estradas afectadas, e as persoas que foron desaloxadas puideron volver ás súas casas a partir das 21:30h.
Incendio de Xaviña

Se ben dende Camariñas informan de que a cousa parece máis calmada, a Xunta explica que o incendio segue activo e tamén segue activada a Situación 2, como medida preventiva pola súa proximidade ás vivendas do Pedrouso. O lume xa supera as 50 hectáreas afectadas, e esta mesma noite, ata a 1:00h da madrugada houbo máxima tensión, reactivándose o lume en Brea.
Con todo, a presenza dunha morea de medios parece que permite ser moderadamente optimistas, e de feito dende o Concello dan por controlado o incendio, no que levan traballando 1 técnico, 8 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas e 1 helicóptero, e tamén participan nos labores de extinción efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
En Corme, menos fume

Tamén traballa a UME en Corme, onde nos aseguran que a luz volveu arredor da media noite. Hai menos fume esta mañá na vila, pero o lume, segundo a Xunta e a Garda Civil, segue activo, sen control, e coa situación 2 activada polas vivendas de Corme Aldea. O lume afecta xa a unha superficie de 60 hectáreas.
Ata o momento, ademais dos efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) chegados dende León, para a súa extinción mobilizáronse 3 técnicos, 10 axentes, 12 brigadas, 11 motobombas, 4 pas e 3 unidades técnicas de apoio. A última hora da tarde de onte puideron incorporarse aos labores de extinción 2 avións, que operaron na zona malia que as condicións climatolóxicas non eran favorables para os medios aéreos.
Lourido, controlado
Noite tensa por Lourido, pero a estratexia funcionou. Os medios (dúas brigadas, Policía Local, Protección Civil, e Bombeiros de Vigo e de Cee), esperaron o lume no alto da estrada, e conseguiron sufocalo arredor da 1:00h sen que afectase nin ao Parador nin as vivendas próximas.