O BNG da Costa da Morte denuncia retrasos nas citas de atención médica primaria da comarca por falta de persoal
O BNG da Costa da Morte denuncia o deterioro do servizo na atención primaria nos centros médicos da comarca, con retrasos de ata 2 semanas nalgúns casos nas citas solicitadas polos pacientes.
"A falta de médicos e persoal de enfermería suficientes, así como a non cobertura de baixas laborais, están precarizando un servizo básico para a cidadanía, e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) xestionado pola Xunta do PP só bota balóns fóra argumentando que no país non hai suficientes profesionais da saúde", denuncian.
O BNG comarcal sinala que "doentes que están a pedir cita esta semana en centros médicos como os de Camariñas e Cee están sofrindo demoras de quince días para ser atendidos polo seu médico de cabeceira".
No caso de Cee, "esta semana están traballando menos da metade dos médicos asignados polo SERGAS para a atención primaria, sen que a Consellería de Sanidade cubra as baixas laborais existentes nen ofreza outra solución para resolver o problema", aseguran. Alén, hai retrasos de case unha semana noutras localidades da bisbarra como Lira, O Pindo ou Dumbría, e de varios días na meirande parte do resto de centros médicos da nosa comarca.
O responsábel comarcal do BNG, Xurxo Rodríguez Baña, subliñou “a nefasta xestión e nula previsión sanitaria da Xunta do PP, sendo coñecedores que dende hai 15 dias existe un repunte moi importante de Gripe A e Covid”.
Rodríguez Baña engadeu que “unha vez máis amósase o abondono do PP da sanidade comarcal, ao igual q pasa co hospital de Cee, que non aumenta as especialidades que a cidadanía da Costa da Morte demanda”.