Bombeiros e Consorcios provinciais chegan a un acordo para desconvocar a folga e continuar negociando
- Desconvocarase a folga e continuarase coa negociación para acadar melloras laborais nos 24 centros de traballo de toda Galicia
Parece que o conflito laboral dos Bombeiros comarcais está preto de chegar ao seu fin. Despois de meses de folga (que consistía apenas en non cubrir horas extras) representantes dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento e das forzas sindicais dos bombeiros comarcais mantiveron onte unha xuntanza no Consello Galego de Relacións Laborais onde se chegou a un principio de acordo.
O texto, asinado por representantes da Xunta, das catro deputacións provinciais e dos sindicatos, prevé melloras nas condicións laborais referidas tanto ao reforzo de efectivos como aos salarios e horarios, entre outras.
Así, continuarase coa negociación para acadar melloras laborais nos centros de traballo dos consorcios provinciais de bombeiros das catro provincias galegas, é dicir, nos 24 parques comarcais da comunidade.
No acordo prevese tamén crear unha mesa de negociación para concretar a redacción dun novo convenio colectivo e dunha nova Relación de Postos de Traballo (RPT).