Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Camariñas aprende en Suecia como fomentar o emprendemento na mocidade

Camariñas aprende en Suecia como fomentar o emprendemento na mocidade
Membros do proxecto YPAD entre os que estan o camarinan Emilio Gonzalez

Canta falta fai ver mundo para crecer. E desta volta Camariñas está a ter a sorte de poder participar nun proxecto europeo para coñecer iniciativas polo mundo adiante e polo seu propio pé. Emilio González, axente de desenvolvemento local do Concello de Camariñas, asistiu ao encontro a pasada semana en Suecia no marco do proxecto europeo YPAD, Xuventude e Desenvolvemento. Un proxecto no que participaron dezaseis persoas de sete países, seis do municipio anfitrión, e que estivo dirixido polo coordinador de proxectos europeos de Pitea, Dan Berggren.

Os coordinadores do proxecto que se desenvolveu durante dous anos a través de encontros nos seis municipios socios (Borgotaro e Forlí en Italia, Masku en Finlandia, Pitea, Ferrol e Camariñas), acodiron, como fixeran o pasado mes de maio na vila conserveira, a vila sueca de Pitea para abordar temas como o desemprego e o emprendemento entre a xente nova. Desta volta e para dar continuidade ao traballo realizado, o municipio de Pitea invitou aos socios do YPAD e a outras catro entidades do Reino Unido, Holanda, Romanía e, novamente, de Finlandia.

Xornadas de traballo no proxecto europeo YPAD

Un proxecto común

Despois de coñecer e debater sobre as diversas situacións do desemprego xuvenil en cada país, e de compartir as experiencias e boas prácticas de cada entidade, os técnicos acordaron seguir cooperando e deseñar un proxecto sobre a promoción do emprendemento e da iniciativa emprendedora entre a mocidade. Este proxecto será presentado ante a Unión Europea o vindeiro ano para obter o necesario financiamento para o seu desenvolvemento.

O IES da Ponte do Porto participa activamente

O IES Pedra da Aguia foi parte activa no desenvolvemento do proxecto YPAD. O xefe de estudos asistiu ao encontro sobre Educación e Emprendemento en Finlandia, e un grupo de alumnos asistiu aos encontros de Ferrol e Camariñas, de feito unha das sesións celebrouse nas súas instalacións. A Axencia de Desenvolvemento Local de Camariñas e o instituto van seguir colaborando este curso no ámbito do emprendemento no marco da materia “Obradoiro de Iniciativas Emprendedoras”.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Camariñas.

Comentarios