A canle costeira Toxío ofrece obradoiros formativos de creación de contidos dixitais no marco do proxecto Youtubeiras+

O proxecto Youtubeiras+, en que participan os servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos no noso idioma na Rede, abre por vez primeira a outras entidades o prazo para solicitar a organización de obradoiros formativos de creación de contidos dixitais.
Como cada ano, o proxecto Youtubeiras+ ofrecerá cursos de formación cun enfoque teórico-práctico, dirixidos a adquirir as habilidades e estratexias necesarias á hora de ter presenza e gozar de recoñecemento no contorno dixital, para centros educativos, para docentes e para o público xeral. Desta volta, impartiranos Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío, e Laura Veiga, de Pingando.
A formación destinada aos centros de ensino ten dous posibles formatos segundo o obxectivo que se procure e os perfís do alumnado. A primeira modalidade consiste nun obradoiro introdutorio de 50 minutos en que se dan a coñecer as bases mínimas para comezar a crear contido en Internet. O segundo formato esténdese até os 100 minutos de duración, con sesións eminentemente prácticas.
Pódese obter máis información sobre estes obradoiros ou directamente solicitalos na páxina web www.youtubeiras.gal ou escribindo ao correo premios@youtubeiras.gal.
Nova edición dos premios
No mes de setembro convocarase a IX edición dos Premios Youtubeiras+ e desvelaranse grandes novidades. Mantense a contía dos premios, 7500 €, con sete categorías, algunhas delas novas. Na edición anterior, un total de 89 canles concorreron ao certame, das cales 49 procedían de YouTube e as 40 restantes de TikTok.