Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Carballo recupera un conxunto de muíños na parroquia de Lema

Carballo recupera un conxunto de muíños na parroquia de Lema
A limpeza realizada a pasada primavera no río da Enxebra, na parroquia carballesa de Lema, destapou un tesouro que se atopaba agochado baixo as silvas: un conxunto etnográfico integrado por doce muíños. As indicacións para chegar ata el déronas por aquel entón algúns veciños e veciñas do Consello Parroquial de Lema. Logo deste aviso, o goberno local realizou unha primeira limpeza que permitiu achegarse de novo aos muíños, traballo que se completará nas próximas semanas co acondicionamento máis minucioso dunha senda con zahorra. Dado que os muíños son de propiedade privada,  esta actuación limitarase, en principio, á limpeza das construcións e da senda que os comunica para convertela nun novo espazo para o desfrute da cidadanía. Tal e como explica o Concello nun comunicado, o traballo será coordinado pola brigada municipal de medio ambiente, á que acaban de incorporarse esta mesma semana 10 persoas perceptoras da RISGA con contratos de sete meses de duración. Entre os seus cometidos, segundo explica o concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, estará a limpeza de fontes, parques e espazos naturais en xeral, e un deles será esta nova ruta dos muíños da parroquia de Lema. Dez están situados no lugar de Centeás e dous, un deles en bo estado de conservación, no de Agramaior.

Comentarios