Luns. 13.07.2020
El tiempo

Como coidar a cultura: A cultura necesita co-responsabilidade

María Bella mantén unha longa conversa sobre filantropía e mecenado na arte e na cultura con Fran Quiroga.
Xornada Camiñada polo Lavadoiro en Betanzos. Fonte- Oscar Gorriz / Concomitentes
Xornada Camiñada polo Lavadoiro en Betanzos. Fonte- Oscar Gorriz / Concomitentes
Como coidar a cultura: A cultura necesita co-responsabilidade
O pasado 4 de febreiro celebrouse en Santiago de Compostela na sé do Consello de Cultura Galega unha xornada para reflexionar sobre filantropía e mecenado na arte e a cultura. Foi coordinada polo investigador transdisciplinar Fran Quiroga que contou co respaldo do propio Consello e a Fundación Daniel e Nina Carasso. A xornada, de carácter formativo, reflexivo e propositivo, estaba enmarcada dentro dun proxecto de máis longo percorrido -concomitentes- de trazos innovadores -polo menos en España e en Galicia- que desenvolve o propio Quiroga co mezenazgo da Fundación. A idea que sobrevoa en todo momento tanto no proxecto xeral como as distintas pezas que se van axustando a el é a corresponsabilidade da cidadanía para coa arte e a cultura: corresposabilidade á hora de encargar unha obra de arte e corresponsabilidade á hora de facerse cargo do seu financiamento.

Ao longo desta entrevista iremos entrando nas fortalezas e debilidades de ambas cuestións á vez que contextualizaremos por que a experiencia e as aprendizaxes que están pasando -concretamente en Betanzos- grazas ao impulso deste investigador poden servirnos como inspiración para nosa comarca.

Parque do Pasatempo. Fonte- Asoc. Amigas do Parque do Pasatempo
Parque do Pasatempo. Fonte- Asoc. Amigas do Parque do Pasatempo

Para facilitar a entrada no tema e dar algo de contexto gustaríame reconvocar a imaxe de cabecera que elixiron para a xornada. Esta mostraba unha foto actual do Parque do Pasatempo (que precisamente acaba de ser declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta tras unha longa demanda cidadá) construído en Betanzos entre 1893 e 1914 por encargo dos irmáns Juan e Jesús García Naveira e financiado concretamente polo primeiro. Ambos irmáns, de orixe betanceiro e de familia humilde, formaron parte desa extensa diáspora galega que buscou saír da pobreza cruzando o Atlántico cara a Arxentina, Cuba, México ou Venezuela. Os García Naveira colleitaron éxito “facendo as américas” e converténdose en importantes empresarios que, como no caso doutros apelidos relevantes, dedicaron gran parte das súas fortunas a proxectos de mecenado con fins sociais, educativos ou asistenciales.

A xeografía galega posúe moitos xestos similares ao dos irmáns García Naveira aínda que a menor escala, sobre todo no que se refire á construción filantrópica de escolas ou de asilos en moitos dos casos encargadas baixo pautas similares configurando un estilo denominado arquitectura indiana. Na Costa da Morte temos as referencias de Fernando Branco en Cee -benefactor dunhas escolas hoxe sé dun Instituto de Ensino Secundario que aínda leva o seu nome- ou de José Carrera Fábregas en Corcubión -benefactor dun edificio de escolas de artes e oficios, reconvertidas en colexio e recientemente transformadas en sé de Concello-.

Entre as escolas, os asilos e outras obras o parque do Pasatempo sexa quizais o proxecto filantrópico deste tipo máis singular da época. Proxectado como parque enciclopédico a idea non era simplemente agasallar a Betanzos cun espazo de recreo e entretenimento senón promover un recurso pedagóxico -unha especie de vangarda de aprendizaxe lúdico- e un apoio sociolaboral para a poboación.

 
  • María Bella: Podería dicirse xa que logo que o parque do Pasatempo é unha imaxe enormemente simbólica para o mecenado en Galicia, polo menos dun tipo de mecenado e dunha época na que o modelo se replicabana transformándose nunha especie de ferramenta posibilitadora para unha Galicia que atravesaba dificultades. É por iso que a súa imaxe asemella ser sen dúbida evocadora para unhas xormadas dedicadas á cultura do mezenazgo. Pero, a pregunta sería: ata que punto, para Fran Quiroga, esta imaxe quere ser, por unha banda, evocadora dunha práctica do pasado e, por outro, suscitadora ou anunciadora de necesidades que detectas no noso presente?. Podes contarnos desde a túa perspectiva multidisciplinar vinculada ás institucións e á universidade pero tamén sostida desde a independencia e moi atravesada polo territorio e polo popular, que desexos e desacordos discorren por esta imaxe?

Antes de comezar, María, quixera enmarcar que non son experto en mecenado e que o meu interese ao redor disto ven como un intento de pensar novas formas de apoio á cultura. Sen ánimo de facer unha análise ampla, coido que na actualidade dous dos grandes problemas que afectan á cultura son a falta de valorización social da cultura (o que implica precarización) e por outro lado unha dependencia coa administración pública o que limita a liberdade de creación. Daquela favorecer un ecosistema que aposta por un mecenado cun compromiso de xustiza social procura tramar outras formas de financiar a cultura. Se entendemos que a cultura é algo máis que industria e nos situamos máis na liña do dereito á cultura cómpre ver como podemos garantizalo, non só como creadores senón tamén como públicos que queremos acceder a outros xeitos de facer cultura, que non sexan mornos ou correas de transmisión dos partidos do goberno de turno. De aí a limitación que supón a dependencia coa administración pública, agora ben, e aqui xurde un dilema, a aposta por un maior mecenado non debe obviar que o Estado ten que garantir ese dereito a cultura, é decir, a relación de a máis mecenado menos Estado é contraproducente. 

E xa que situamos o Estado e, volvendo a pregunta, temos que ser conscientes de que esas poéticas do retorno que se deron a finais do s XIX e no primeiro tercio do s XX, veñen da man de persoas que emigran e traen unha serie de valores consigo, como o republicanismo ou liberalismo, que procuran un “desenvolvemento” do seu territorio de orixe nun contexto no que o Estado -aínda incipiente- non garantía unha educación universal. A alta taxa de analfabetismo viña condicionada por unha ausencia de políticas públicas, de ai a potencia de que a cidadanía tomase o impulso, coa axuda dos emigrantes, na creación de máis de 250 escolas espalladas por toda Galicia. O propio Parque do Pasatempo tiña unha función pedagóxica, unha vontade transformadora, de mellora do benestar cidadá.

 Xornada Cultura do Mecenado. Fonte- Consello da Cultura Galega
 Xornada sobre Cultura do Mecenado. Foto: Consello da Cultura Galega
  • MB: Nas xornadas mencionouse reiteradamente, e agora comentábalo ti tamén dalgún modo, a necesidade de "cotidianizar" a figura do mecenas, intentar que salga da excepcionalidade que lle rodea. Os que traballamos na cultura sabemos ben a dureza que implica defendela e creo que moitas veces a sociedade en xeral non chega a comprender a gravidade que con todo si vemos desde o propio sector. Algo que eu personalmente fago moitas veces para que o outro entenda a condición de precarización e abandono á que está arroxada a cultura é facerlles a comparación co sistema público de saúde ou de educación. Especialmente no contexto maioritariamente rural que ten Galicia, parece lóxico defender que non nos quiten os centros de saúde, nin os hospitais, nin os colexios, que non nos quiten profesores, nin médicos, que non externalicen os servizos, etc. Con todo, a cultura oarece invisible aos reclamos máis básicos, coma se non existise. Si a cultura é o que somos, en presente, en pasado e en futuro e hai tan pouca conciencia para ela, como imaxinas o camiño cara a esa corresponsabilidade de mecenado cidadán? Podes darnos algúns exemplos que ti imaxines?

Na xornada un dos relatores, Jabier Larrañaga, deputado foral de facenda e finanzas de Gipuzkoa, falaba dun mecenado participativo e da necesidade de que a administración activase unha plataforma de intermediación distributiva de recursos que veñan do mecenado. É decir, que non sexa a dministración a única beneficiaria do mecenado senón que o active e este chegue a cidadanía, as empresas de economía social, as asociacións, as cooperativas, ao autónomos,... Cómpre ver que a administración non pode execer un monopolio na programación cultural, senón que debe ser un actor máis nese ecosistema cultural. Mais para iso fai falta vontade política…

En canto a corresponsabilidadee a través do mecenado cidadá, hai moitos exemplos, por citar algúns, o pago das festas, en todos os pobos son os veciños e veciñas os que fan a festa, con aportacións voluntarias, ou no deporte de base por exemplo; daquela, coido que hai un sustrato nesa corresponsabilidadee, mais a cuestión é como isto pode chegar a proxectos máis experimentais, menos masivos e aquí onde deberíamos enfatizar na idea dos impactos que se xeneran, que a miudo son pouco visbiles a curto prazo, pero que supoñen mudanzas nos imaxinarios ou nos discursos hexemómicos, e esto é moi potente.

Por poñer un exemplo, actualmente estamos levando a cabo en Betanzos o proxecto “Legado Coidado”, co que procuramos que a cidadanía encargue unha obra de arte ao redor do legado dos irmáns García Naveira, trátase de situar a cidadanía no centro do proceso de creación contemporánea. Abrir os marcos de participación abre posibilidades inesperadas, hai ansia de colaborar, mais para iso precisamos orzamentos dignos, neste caso contamos cun orzamento inicial de 75000€ grazas a Fundación Daniel e Nina Carasso, sen a súa colaboración non teriamos a posibilidade de facer un proxecto tan innovador. É unha mágoa, pero as institucións culturais galegas arriscan pouco.

 
  • MB: En relación ao proxecto “Legado Coidado” no que entendo que hai varias figuras en acción -que si non son absolutamente novedosas, aínda non resultan moi habituais no noso contexto- como a do mediador ou a do mecenas ou a do “encargante” cidadán colectivo... Cóntanos un pouco o labor de cada unha delas e onde radica ese factor “novedoso”.

“Legado Coidado” enmárcase dentro de “Concomitentes”, a variante española do programa francés Nouveaux Commanditaires que ten producido máis de 400 obras de arte en Europa dende hai máis de trinta anos. O nacemento deste programa partía da inquedanza da desconexión entre a cidadanía e a arte contemporánea e procuraba revertir os procesos de produción da arte, partindo de que a cidadanía, a través do seu desexo, poida encargar/comandar a produción dunha obra. Ademais da oportunidade que supón que a cidadanía poda converterse en comanditaria dunha creación contemporánea o proceso dilue, en parte, a idea romántica do artista e o seu halo creador, xa que ha de compartir a creación coa mediación e a cidadanía, co-crean todos xuntos. Este xeito de facer arte público tece outro contrato social entre o artista e a veciñanza, baseado nunha corresponsabilidadee e xenerosidade por ambas partes. O proceso é complexo, en moitas ocasións a resposta ao desexo cidadá non satisfai ao conxunto dos veciños, mais hai un intento de escoita o que xa de por si facilita a confianza e a capacidade de facer xuntos.

No caso de Betanzos, hai un matiz experimental porque estamos adaptando a metodoloxía da Investigacción-Acción-Participativa (IAP) a este proceso. A IAP é un xeito de realizar unha indagación cunha vontade participativa e cun claro enfoque de acción. Son as propias comunidades as que, co apoio de persoal técnico, impulsan e desenvolven un proceso reflexivo extendido co que dotarse de solucións ou ferramentas que respondan a un reto ou demanda cidadá. Este xeito de investigar supón unha ruptura da idea de saber experto e procura que a diversidade de enfoques, ideas ou vontades teña acollida nese proceso; para o proxecto de Concomitentes é un espello ao que mirarse en tanto ten definida claramente uns xeitos de facer, fases e roles que poden replicarse a un proceso de creación artístico participativo, coas salvagardas de que a arte non ten porque ser sempre “solucionista”.

 
  • MB: Volvendo á corresponsabilidade respecto ao mecenado e a esa idea de participación cidadá en equilibrio coa responsabilidade do estado para o coidado da cultura. No outro extremo están os perigos dun mecenado dos poderosos que poden chegar ás veces a actuar como lobbies. Poderías valorar o que sucede co filantrocapitalismo?

A xornada Cultura do Mecenado procuraba tamén abrir un espazo de diálogo co que pensar un ecosistema máis favorable ao redor da filantropía e servir de termómetro para coñecer posicións de diversos axentes en relación ao mecenado. Moitas das intervencións partían da desconfianza cara o mecenado e por iso cómpre mellorar mecanismos de rendición de contas e de transparencia. Dalgunha maneira nas conclusións que estamos elaborando queríamos enfatizar na idea dun mecenado comprometido ante os retos contemporáneos, non como un espazo de lavado de imaxe, de exención de pago de impostos ou de extractivismo disfrazado de utilidade social. As gadoupas do capitalismo son moi expansivas, polo que é importante que ese mecenado responda a unha verdadeira utilidade social, cun compromiso de transformación social. 

Hai fundacións como a Carasso, a Fundación Antonino e Cinia en Cerezales (León) ou a Juana de Vega que teñen unha acreditada traxectoria de honestidade do real, polo que creo que o contaxio dese bo facer axudará tamén a acreditar de novo na utilidade do mecenado. Agora ben, non obviemos que existe ese filantrocapitalismo, da nosa man está ser capaz de determinar como é un bo facer filantropía. 

 Xornada Participativa en Betanzos. Fonte- Oscar Gorriz :Concomitentes
Xornada Participativa en Betanzos. Fonte- Oscar Gorriz :Concomitentes
  • MB: Para pechar, fagámolo con outra imaxe simbólica e evocadora. No teu perfil de twitter preséntaste subindo as escaleiras do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, museo pioneiro en España froito dun proxecto máis amplo ideado por Luís Seoane e Díaz Pardo que integraba, entre outros, o Laboratorio de Formas, un labor editorial e o proxecto empresarial da fábrica de cerámicas Sargadelos. Díaz Pardo actuou de mecenas moitas veces, o seu proxecto vital en si era case unha obra de mecenado cultural sostido pola rentabilidade dunha fábrica de cerámicas. Como ves este modelo, en certo xeito xa desaparecido?

Véxoo con nostalxia e como ese eterno exemplo de incapacidade de proxectar e soster un proxecto tan sólido como foi o Laboratorio de Formas. Non creo que existise no pais un proxecto que equlibrase tan ben a súa aposta ética, estética, política e económica, mentres combinaba industria, cultura e activismo. Recordo ben a visita ao Museo Carlos Maside, ver ese espazo, esas obras, o auditorio que é brutal e ver como está pechado na actualidade, é unha manifestación máis desa nada cotía que atravesa ao sistema cultural galego. 

Son consciente de que os tempos mudan, e non adoito a ser un morriñento do pasado, mais deberíamos pensar con maior enfase en como coidamos os legados, esas herdanzas, porque estas tamén nos constrúen, que este Museo esté pechado é desalentador, mais o peor de todo é como imos asumindo con tanta normalidade que estas cousas ocurran. Eso sí, pola contra construimos novos equipamentos culturais sen dotacións ou usos previstos.

Por rematar con certa ilusión, so lembrar que estando vivo Isaac Díaz Pardo, oito asociacións da comarca de Betanzos organizámoslle unha Homenaxe Popular, chamada Beizóns d. Isaac, e iso reconfórtame coa idea de terlle agradecido ese compromiso vital de transformación. Ogalla existirán máis proxectos así.

  • Entrevista realizada por María Bella, Doutora en Coñecemento Curatorial pola Universidade de Goldsmith.

Outros artigos e entrevistas de María Bella






comentarios