Xoves. 12.12.2019
El tiempo

Ana Domínguez: “O Ciclo Etnográfico de Cine Galego ten moito de admiración”

Ana Domínguez, Directora do Ciclo Etnográfico de Cine Galego
Ana Domínguez, Directora do Ciclo Etnográfico de Cine Galego
Ana Domínguez: “O Ciclo Etnográfico de Cine Galego ten moito de admiración”

Este venres 29 de novembro, ás 20,00h, na Capela do Pilar de Corcubión terá lugar o Ciclo Etnográfico de Cine Galego. A súa directora, Ana Domínguez achegarase ata alí para presentalo, acompañar e conversar cos asistentes. María Bella, responsable de que o ciclo teña lugar en Corcubión, entrevistouna para coñecer un pouco máis os detalles desta próxima cita. A entrada será libre ata completar aforo.

 
  • M.B: Como xorde a proposta do ciclo etnográfico de cine galego, que é o que busca esa cualificación de etnográfico e cales son as perspectivas de continuidade do ciclo?

O ciclo nace coa idea de levar ao rural o cine que se está facendo en Galicia fóra do ámbito comercial, é un cine máis libre, que fala de nós, da nosa forma de vida, dos nosos costumes ancestrais que aínda hoxe perduran nos nosos pobos, cos seus festexos populares e a natureza sempre presente. A cualificación de etnográfico non é casual xa que todas as películas programadas falan, cada unha ao seu xeito, de etnografía e admiración. O ciclo deseñouse para este ano 2019, para o 2020 -si vemos que hai demanda- podemos continuar e iniciar outros diferentes, pola miña banda estarei encantada.

 
  • M.B: Cando me enterei desta proposta ao publicarse na prensa a súa inauguración en Neda o pasado setembro, o que me chamou a atención foi que se suscitaba un percorrido de proxeccións en pequenos concellos da provincia e non se incluía ningunha cita nas cidades principais. Sabendo ademais que ti es unha das responsables xunto con Ángel Rueda do S8 (Mostra de cinema periférico) que xa ten un percorrido consolidado e a súa sé na cidade da Coruña, estraña aínda máis. A que se debe este particular itinerario?

Nas cidades xa podemos mostrar este cine menos accesible e con menos recursos e menos distribución grazas aos festivais, que en Galicia temos bastantes. Nas cidades, ademais dos festivais hai outras plataformas como a filmoteca por exemplo, con todo o rural sempre esta máis desatendido. Antigamente todos os pobos tiñan un cine, ou dous ata. No meu pobo na Rúa houbo dous por sorte. Agora só queda un que se construíu no boom do cine nos 50 e segue funcionando pero non pasa así na maioria dos pobos, por iso esta iniciativa, do mesmo xeito que outras nunha liña similar como o chanfaina lab é tan bonito. Na cidade xa hai moita actividade para ver cine, con todo os pobos están máis esquecidos e creo debemos de facer un esforzo para que isto non sexa así, ademais é un público moi agradecido.

 

A denominación do Novo Cinema Galego vén de fai uns 15 anos, non sei a data exacta, pero foi cando estaba o bipartito na Xunta. Entón estaba a figura de Manolo González que dirixía a Axencia Audiovisual Manolo é profesor de historia e de cine, foi o fundador da Escola de Imaxe e Son de Galicia e da Filmoteca da Coruña. É un personaxe ao que lle debemos moito todas as persoas que estamos traballando en cine en Galicia. El sacou unhas axudas ao talento, unhas axudas específicas para os autores, é dicir, ás que podías presentarte sen necesidade de ter unha produtora detrás, como autor podías presentar un proxecto e financiar a túa primeira película, non era moito diñeiro pero isto animou a moita xente a lanzarse. Autores como Oliver Laxe ou Lois Patiño. Si o talento está, que indudablemente está e á xente apóiala para que empece a crear, dáslle un pequeno colchón… a xente que ten ganas de facer películas pódeas facer. E isto foi o que pasou. Á mantenta destas axudas saíron moitas figuras, entre elas algunhas das que están no ciclo, case toda a xente que estamos facendo agora películas recibiu unha axuda deste tipo grazas a Manolo González, que é unha persoa moi inqueda e encántalle liala co cine, agora ten un proxecto no rural que se chama Chanfainalab. En San Sadurniño e alí, desde fai uns cinco anos, cada setembro invítase a varios cineastas e xente vinculada co cine a estar dous ou tres días no pobo e facer unha pequena película que ten que estar relacionada coa contorna. Ademais xérase unha convivencia moi bonita e especial coa xente do pobo que tamén se apunta a facer películas. En febreiro as películas preséntanse no pobo nunha gala, o auditorio énchese, moita xente sae nelas. Algunhas das obras que se proxectarán no ciclo este venres saen deste proxecto!

O Novo Cinema Galego identifica unha comunidade e un xeito de facer cine e de crear que non ten por que seguir parámetros establecidos atendendo ordes comerciais, ou de Hollywood, etc. Céntrase nesta mirada que temos en Galicia da natureza que nos rodea, en ensinar este peso histórico ancestral, esa carga que temos por nacer aquí e por vivir desde pequenos estes costumes en conexión coa natureza, cos ciclos vitais, que nos empuxa a falar diso, da nosa contorna da nosa comunidade, as estacións, a choiva. Temos a sorte de estar nesta esquina do mundo que é máxica e hai moito talento, non só no cine.

 
  • M.B: Ao fío do que comentas sobre o nacemento das Axudas ao Talento do AGADIC na época do bipartito, publicouse neste mes de novembro un artigo na revista Tempos Novos, “A deriva do cinema de non-ficción en Galicia”, que xusto fai unha reflexión, conducida por Beli Martínez e Xurxo González, mirando este tema con certa perspectiva. En parte faise unha crítica á deriva desta iniciativa por terse “industrializado” tanto e por cambiar este tema que comentabas de coidar dos autores fronte ás produtoras, como tamén polos cambios efectuados nos criterios de valoración dalgunha sección que prexudica as perspectivas máis experimentais, ademais da insuficiencia das contías. Como ves que esta evolución afectou o camiño que ides aos poucos debuxando?

Efectivamente, tanto Beli como Xurxo coñecen moi ben estas axudas, e si que é certo que se vén recortando orzamentariamente o diñeiro destinado ao autor e o talento en beneficio da industria. É certo que é algo que teriamos, que poñer en valor (bueno en realidade xa o estamos facendo desde os festivales de cine). Deberían de ampliarse as contías a este tipo de cine para coidalo máis. O autor necesita moito máis apoio que o cine industrial que ten axudas e apoios por moitas outras vías. O cine industrializado segue copiando modelos xa caducos e que xa vimos mil veces presumindo de que o están facendo igual que en Hollywood ou mellor. É un cine que se achega moito menos á realidade de Galicia, o cine autoral xustamente fai todo isto. Por iso hai que seguir apoiando ao Novo Cinema Galego. Hai que apoiar á creatividade, ao talento.

 
  • M.B: Nalgúns dos curtos que se presentan utilízanse como base filmacións en formatos que deixaron de usarse comunmente fai tempo como é o caso do Super 8, podes comentarnos un pouco o tema das exploracións de formatos no cine e no caso das autoras que invitaches a formar parte do ciclo?

Moitos artistas e cineastas están utilizando formatos fílmicos en Súper 8, en 16mm e 35 mm, sobre todo os dous primeiros, porque non é o mesmo a calidade do fílmico que a do formato dixital. O digital é moito máis frío, non é tan real, o (S8) é luz, é como as fotos que sacabamos antes e tiñamos que mandar a revelar. As cores e toda esa bruma que ten o filme é como máis próximo a nós e cunha calidade artística moito máis apreciable que no dixital, que o seguimos sentindo frío porque son números que interpretan a realidade e a foto e o filme é luz e moitos artistas queren que os seus pelis teñan esa calidade. Sobre todo no festival (S8) o 95% das proxeccións son nestes formatos cos proxectores en sala e logo os artistas e creadores non son só cineastas porque moitas das persoas que traballan estes formatos son tamén pintores, arquitectos, son creadores non só cineastas. O formato fílmico é moito mais bonito de ver.

 
  • M.B: O ciclo está composto por cinco curtos e un longo, este último dirixido por ti. Fálanos un pouco deste proxecto, tanto como procura de autora como en canto ao proceso de traballo, os retos e as dificultades.

Os fillos da vide é un proxecto persoal que iniciei no 2007. Empecei a investigar, a escribir o proxecto, como quería facer a película e o fun compaxinando, por iso foron tantos anos, co meu traballo habitual do festival (S8) en Coruña. Uns meses ao ano dedicábame a facer a película. Os fillos da vide fala da vendimia en Valdeorras. Eu son de alí da Rúa, e desde nena sempre estivo moi presente na miña vida o cultivo da vide como para todos os valdeorreses porque a viña está na nosa cultura dese tempos dos romanos. Coa película quería rescatar, contar e recordar eses momentos que tiñamos no rural, creo que agora cada vez menos, de traballar en comunidade. A recolleita da vendimia era un traballo moi especial, era o momento de compartir esforzo, traballo que se convertía en xogo. No rural os nosos antepasados tiñan esa capacidade de converter o traballo en xogo. Ese momento vital cando recolles o froito de todo un ano de traballo xeraba unha explosión de alegría, de vida e iso nótase moitísimo na vendimia. Eu quería plasmar iso na miña película mesturándoo cos meus recordos.

A película ten dúas partes, unha máis onírica onde utilicei o formato Súper 8 combinado con tomas con móbiles e con cámaras mini-DV. Esa parte é como un diario filmado. Eu veño da pintura e esa parte trateina coma se a cámara fose un caderno de artista onde anotas bocetos e debuxos. De súpeto estas pasando polo bosque ou pola montaña ou polo pobo e ves algo que che emociona e o filmas en lugar de debuxalo. A parte onírica trata diso, de plasmar esas emocións en imaxes. Logo está a parte máis obxectiva na que quería mostrar como se coida a viña durante as catro estaciones do ano; a poda, a pre-poda, o sulfato e tamén a vendimia e as festas do viño unha vez recolleita a uva. E como o viño transpórtanos a ese éxtasis da borracheira e a felicidade. Iso todo está plasmado na película.

O título “Os fillos da vide” vén porque na primeira investigación que fixen tiven unha intuición, que foi real. Consultei os libros de bautizos e nacementos na parroquia de Fontei e comprobei que desde mediados do XIX e principios do XX nos meses de xuño e xullo había un pico de natalidade, polo tanto si contas son noves meses logo da última vendimia, o que me deu a pista de que na vendimia había moita unión e moita festa e moita alegría e de aí o título.

 Ciclo de cine etnografico Galego de Corcubion 2019

Novas relacionadas

Máis novas

Comentarios