Os comedores escolares, unha ocasión de diferenciación para o ensino rural
- As colectividades, unha gran oportunidade para o produto local.
Arredor de 2.500 persoas comen diariamente nas máis de 30 colectividades que hai na Costa da Morte. Falamos de comedores colectivos dos 14 colexios, 8 escoliñas, 9 residencias de maiores, 5 centros de día, o hospital… que supoñen unha grandísima oportunidade para o produto local. Estes grandes comedores consumen unhas 170 toneladas de produtos (verdura, proteína e hidratos) que poderían saír de proveedores locais no canto dos supermercados, convertindo a comarca nun exercicio sostible de economía circular, positivo para todos.
Só o CEIP Os Muíños, pioneiro na materia do consumo de produtos de km.0 que está abrindo o camiño a outros centros da comarca como o de Vimianzo, compra a todos estes produtores locais:
- Xebre, produtos ecolóxicos dende a súa horta Fornelos (Zas).
- Despensa d’Lujo, legumes pastas, arroces, fariñas… dende Coristanco.
- Ovos Santa Clara, de Zas.
- Granxa Moreira, lácteos muxiáns.
- Casa Grande de Xanceda, iogures de Mesía.
- Carnicería Pardelo, en Muxía.
- Peixería Surarea, en Corcubión.
- Panaderías locais de Muxía.
- Produtores de verdura ecolóxica de Malpica e Ponteceso.
- Alcove da Moura, produto ecolóxico e froita dende o Rosal, Pontevedra.
- Xeados Xearte Brigitte, de Santiago.
Leva anos o GDR intentando fomentar esta sinerxia entre produtores e comedores escolares, e a pesar de ten contado con grandes asesoras como os cataláns Mengadors ecologics, segue intentando sensibilizar ás familias pero non acabou de conseguir implicar a outras administracións para que empurren aos centros de ensino e produtores.
Os comedores escolares, unha oportunidade para o rural
Porque os comedores escolares son unha verdade oportunidade de diferenciación para o ensino rural. Nestes tempos nos que a Xunta está desintegrando os comedores escolares e substituíndoos por cáterings, que ademais pasan a depender das ANPAS nunha clara deixadez de funcións, a supervivencia destes comedores no rural significa unha clara ocasión para as nosas comarcas.
Neste momento ademais de “grandes contradicións, nno que outorgamos enorme importancia á gastronomía, a comer fóra, a poder degustar un Estrela Michelin e ao “take away”, pero desprezamos o valor de cociñar na casa e a importancia dunha alimentación sa desde a infancia”. Así fala Sandra Varela, cociñeira do centro muxián, que leva anos pedindo que a comida dun centro de saúde ten que ser parte do proceso educativo. “Un comedor escolar debe alimentar, nutrir e educar en saúde. Un comedor debería formar parte do proxecto educativo do centro, debe de ser un motor para a economía local, consumindo temporalidade e proximidade. Debe unir familias, comunidade escolar e produtores locais”.
Tócalle ás administracións (locais, comarcais, provinciais e autonómicas) unir, tecer redes, implicando a todos os sectores, e facilitando unha unión que é positiva para todos.

