Luns. 06.05.2024
El tiempo

A Costa da Morte avanza para consolidarse coma un xeodestino na vangarda da excelencia turística

As Torres do Allo acolleron onte o acto de constitución das dúas mesas
A Costa da Morte avanza para consolidarse coma un xeodestino na vangarda da excelencia turística

A CMAT - Costa da Morte Asociación Turística - constituíu oficialmente onte nas Torres do Allo a Mesa de Calidade SICTED e a Mesa Starlight Costa da Morte. O acto, ao que asistiron os principais actores implicados na xestión e promoción turística de Galicia, estivo presidido por Manuel Muíño, alcalde de Zas e máximo responsable da CMAT. Estes dous foros, creados no seo da CMAT, "servirán para situar o noso xeodestino, integrado por 17 concellos da Costa da Morte, na vangarda da excelencia turística”, destacou Manuel Muíño ao inicio do acto, no que salientou a “relevancia do encontro de constitución da Mesa de Calidade e da Mesa Starlight da Costa da Morte”.

O encontro serviu para constituír a Mesa de Calidade SICTED, seguindo as pautas fixadas polo Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, dependente da Secretaría de Estado de Turismo; e a Mesa Starlight Costa da Morte, como parte do plan de medidas propostas pola Fundación Starlight, que acompaña a certificación da Costa da Morte como Destino Turístico Starlight, acadada en xaneiro de 2023.

Ademais de Manuel Muíño, no acto tamén estiveron presentes Pepe Formoso, en representación do sector turístico privado da Costa da Morte; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Enrique Pérez Etcheverría, técnico da Área de Calidade e Proxectos Europeos de Turismo de Galicia; Mavi Lezcano, experta en Patrimonio, e Marta Rodríguez Casas, xestora SICTED e membro do equipo da Secretaría Técnica da CMAT.

Promoción e mellora do turismo

Marta Rodríguez Casas foi a encargada de explicar as funcións e obxectivos da Mesa de Calidade SICTED e da Mesa Starlight Costa da Morte. Indicou que estas novas ferramentas “serán estratéxicas na promoción e mellora do turismo na Costa da Morte”.

Tamén destacou a necesidade de colaboración entre os diferentes sectores, públicos e privados, representados nas mesas para chegar o acadar os obxectivos propostos. Costa da Morte Asociación Turística destaca, tras poñer en marcha estas dúas iniciativas, que continúa “o compromiso de mellora da calidade e competitividade” do destino turístico. E tamén traballa na “configuración e promoción de produtos turísticos diferenciadores na Costa da Morte” a través da procura de “colaboracións e sinerxías entre os diversos actores involucrados do sector”.

A directora da Fundación Starlight, Antonia Varela; e o catedrático da USC, Jorge Mira, enviaron unha mensaxe grabada ante a imposibilidade de estar presentes no acto celebrado onte no pazo das Torres do Allo. Antonia Varela, de viaxe en Chile, agradeceu a “dilixencia da CMAT” para poñer en marcha as recomendacións para impulsar o proxecto Destino Turístico Starlight e concretamente a Mesa Stalight Costa da Morte. “Estamos nun momento de cambio no sector turístico onde prima a calidade; e na Costa da Morte hai talento, profesionalidade e interese por preservar o ceo”. Augurou que a iniciativa “será un éxito”.

Pola súa banda, Jorge Mira, ante a imposibilidade de acudir, tamén enviou unha mensaxe. Destacou que as mesas creadas “son oportunas” porque “a posta en valor do ceo nocturno redunda en beneficio da saúde e as condicións de vida da veciñanza da zona a través dun alumeado público eficiente”. O catedrático da USC destacou que “as alcaldías son claves para que esto funcione”, en referencia ao traballo para reducir o impacto dos alumeados públicos. Mira destacou o perfil do visitante que busca ceos puros. “É un turista cun perfil cultural e económico alto, que respecta o entorno e o medio ambiente”.

Novas relacionadas

Comentarios