Venres. 03.05.2024
El tiempo

Lolo Muíño, novo presidente da CMAT

Xunta Directiva da CMAT xullo 2023
A anterior xunta directiva dando o relevo á nova
Lolo Muíño, novo presidente da CMAT

O alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, é o novo presidente da Asociación Turística da Costa da Morte (CMAT). Asume o relevo de Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, que desempeñou as súas funcións como presidenta da CMAT desde xuño de 2021 ata agora. Así o acordaron na Xunta Directiva celebrada onte na Casa da Cultura de Vimianzo.

Incórporase á Xunta Directiva da CMAT, como vicepresidenta, María Lema, concelleira de Turismo do Concello de Dumbría, en substitución de a Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas. Así mesmo, son novos membros do órgano de dirección da CMAT, como vogal, Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra, que substitúe ao anterior alcalde deste municipio, José Marcote; e, tamén como vogal, José Carlos García, alcalde de Coristanco, que toma o relevo de Xosé Regueira, concelleiro de Turismo de Carballo.

Pola súa banda, José Muíño, alcalde de Cabana de Bergantiños, continúa no cargo como tesoureiro da CMAT; Pepe Formoso, presidente da APTCM, como secretario; e Damián Álvarez, secretario da APTCM, como vogal.

CMATAsambaleaxullo2023

Unha directiva plural de todas as cores políticas, que tratará de seguir a liña pola anterior comitiva. Precisamente a rexedora de Vimianzo destacou a "velocidade de cruceiro" acadada pola CMAT e recomendou a celebración de reunións mensuais do Consello de Administración para manter viva a entidade.

Na Asemblea Extraordinaria tamén se propuxo unha actualización dos estatutos da CMAT onde se concreta, por exemplo, a implicación dos membros da Xunta Directiva nas súas funcións, así como na responsabilidade económica dos socios. Tamén se propuxo estudar a “necesaria actualización das cotas dos socios da CMAT para gañar músculo económico que permita o crecemento da asociación e mellorar o impacto das actividades en todo o territorio”.

Así, de feito, nova Xunta Directiva, que terá a súa primeira reunión de traballo o próximo 3 de agosto na localidade de Baio, Concello de Zas, destaca que “se abre unha nova etapa con vimbios macizos para seguir consolidando a CMAT como entidade de xestión turística da Costa de Morte”.

Comentarios