A Costa da Morte prepara o seu disperso asalto a FITUR

No acto da CMAT do ano pasado se pode comprobar a numerosa presenza municipal e comarcal na FITUR

A vindeira semana, do 21 ao 25 de xaneiro, celébrase unha nova Feira Internacional de Turismo. Madrid acolle a Fitur, e a Costa da Morte non quere perder a que xa é unha cita fundamental para concellos e entidades. Cada ano a presenza costeira é maior, pero tamén máis dispersa, ofrecendo un discurso moitas veces confuso, sen un denominador común que sirva de reclamo principal. E iso que temos unha marca, como é a mesma “Costa da Morte”, que debería ser o paraugas absoluto, o mantra único co que facer chegar xentes de todo o planeta, pero parece que cada anos, concellos e entidades seguen loitando por ver que o ten máis grande. O stand.

Son moitos os Concellos que non faltarán á cita en nome propio, destacando as súas belezas. Tampouco entidades como a Asociación de Concellos do Camiño, ou a propia Solpor, a patronal do Camiño Fisterra-Muxia, que realizará un evento o mércores 21 ás 16:00h no stand da Xunta.

Tampouco faltará a CMAT, coa súa nova campaña: “Donde la tierra habla y el cielo responde”. O ente público-privado do xeodestino, presentará o xoves 22 un vídeo que formula a visita como unha experienci baseada na riqueza natural, patrimonial e arqueolóxica, pero tamén na identidade, no carácter, na memoria viva e, por suposto, na gastronomía.
No vídeo, xentes da comarca como xornalistas Josiño Mira e Fran Rodríguez, a Tania, técnica de cultura de Zas, e Virxina, da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte, transmiten o que significa a comarca.

Traballo conxunto

Fai fincapé a entidade na “oportunidade para reforzar o traballo conxunto con institucións e entidades que apoian este modelo de desenvolvemento turístico”. Neste sentido, a CMAT quere poñer en valor “o apoio continuado de Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, que acompañaron o proxecto desde os seus inicios e compartiron a visión de construír un destino baseado na calidade, na sostibilidade e na identidade”.

Máis novas