A dispersa, e cara, presenza de numerosas Costas da Morte en Fitur

Arrinca este mércores 22 a Feira Internacional de Turismo FITUR. Un fito, dende hai anos para a Costa da Morte, onde os Concellos parecen vivir unha carreira para ver quen gasta máis e quen a ten máis grande. Nunha marea de oferta xigante (o recinto feiral contará con 9.500 empresas participantes, procedentes de 156 países, con máis de 150.000 visitantes profesionais ao longo de varios días), no canto de intentar ofrecer unha imaxe unificada e eficaz do noso potente Xeodestino “Costa da Morte”, seguimos empeñados en ofrecer nomes diversos que aportan confusión e dispersión.
Este ano non será menos, e serán máis dunha ducia de Concellos os que leven as súas singulares (non dicimos que non sexan merecedoras de atención especial en outros foros) á Feira de turismo máis grande do estado.
Este ano ademais, a Deputación porá o foco noutra zona, dándolle protagonismo á Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüell.
Solpor e Ría da Estrela: Volta de Gloria
A Asociación do Camiño Solpor, e a Ría da Estrela levarán no seu programa á FITUR un novo produto: a “Volta de Gloria”, primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular baseado en dúas Rutas Xacobeas (o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia).
Solpor fará a súa presentación o mércores ás 16:00h no Posto da Xunta, e Ría da Estrela fará o propio o venres 24 de xaneiro, ás 14:30 horas no stand de RV Edipress.
Ría da Estrela presentará o catálogo comercial de peregrinacións marítimas e Solpor fará o propio coa Porta da Comprensión.
Dumbría e Vimianzo: Miradoiros MiraQVistas
Son varias as iniciativas bimunicipais, como a que protagonizan os Concellos de Vimianzo e Dumbría, co proxecto MiraQVistas. O xoves, 23 de xaneiro, ás 17:50 horas, presentarán no stand de Turespaña esta campaña que pon en valor dous dos miradoiros máis espectaculares da Costa da Morte: o recentemente inaugurado miradoiro de Cereixo e o icónico miradoiro do Ézaro. Ámbolos dous destacan polo seu carácter singular, situados nas desembocaduras de ríos e ofrecendo unhas vistas privilexiadas ao mar.
Vimianzo e Laxe: Os Penedos
Tamén os concellos de Vimianzo e Laxe presentarán de maneira conxunta a maxia que envolve aos Penedos de Pasarela e Traba como paisaxe protexida. Será o xoves, 23 de xaneiro, ás 11:30 horas, no stand de Galicia.
Dumbría 360º
O Concello de Dumbría dará a coñecer ademais o día 22, unha nova fase do proxecto turístico, de interese tanto para visitantes coma para o sector turístico local, no que leva tempo traballando consistente nunha experiencia turística inmersiva e dixital a través de tours virtuais 360º, coa implantación dunha plataforma web de imaxes e vídeos 360. Esta iniciativa forma parte da estratexia da área de Turismo, Dumbría AR e o seu principal obxectivo é promover a patrimonio cultural e natural do municipio e facilitar as visitas aos seus distintos puntos de interese para un público máis amplo. Xunto coa aplicación multiplataforma na web e na aplicación, potenciar os recursos turísticos do municipio, coa tecnoloxía Reality Aumentado.
A Mostra de Encaixe
Non faltará o Concello de Camariñas coa súa potente aposta para destacar a Mostra do Encaixe. A cita será o próximo xoves ás 17:30 horas no stand de Turespaña, a súa campaña turística para este ano e a XXXIV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña. O Concello presentará o seu vídeo, tanto na feira como nas pantallas dixitais de Callao e Gran Vía e nas do frecuentado Mercado de San Miguel, onde tamén se verá o cartel da Mostra.
O BNG xa criticou o dispendio municipal no evento.
Percibe Muxía
O Concello de Muxía presentará a súa nova aposta turístico-cultural: a I Semana de Exaltación do Percebe. O novo goberno local impulsou a creación deste evento coa fin de “poñer en valor e preservar a identidade muxiá” vinculada á cultura, tradición e natureza, baixo o lema ‘Percibe Muxía’.
Gastronomía e surf de Carballo
Carballo non acode como tal a Fitur, pero si participará en dous eventos, un invitado pola Deputación e outra na Rede de pobos do surf.
Na FITUR ocupará un lugar destacado na presentación da nova campaña de promoción impulsada desde a Deputación polo seu vicepresidente, Xosé Regueira, responsable tamén da área de Turismo tanto a nivel provincial coma local. Na presentación do proxecto “A Coruña, turismo sostible”, prevista para o primeiro día de Fitur ás 13.00 horas, farase entrega dunhas bolsas promocionais que levarán un molete de pan de Carballo.
Ao día seguinte, o concello volverá ter protagonismo na xuntanza da Rede de pobos do surf, que aproveitará a celebración de Fitur para reunir aos concellos que a integran: Getxo (Euskadi), Ribamontán al Mar (Cantabria), Castrillón (Asturias) e a Mancomunidade da comarca de Ferrol e Carballo, en Galicia.