A Costa da Morte tamén berrou por unha Sanidade Pública Digna en Compostela
Non faltou a representación costeira na Manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública en Compostela. A situación de emerxencia en Centros de Saúde como os de Cee, Fisterra, Dumbría ou Zas obrigan a familias da comarca a unirse e alzar a voz conxuntamente con outras 10.000 persoas na capital galega.
Como nas grandes ocasións, os paraugas foron a cara visible da manifestación, que percorreu as rúas compostelás dende a Alameda para acabar ateigando a Quintana de berros contra a “política desmantelamento da sanidade pública do goberno do PP”. PSdeG, BNG, Común da Esquerda e En Marea amosaron estes días unidade fronte a "unha Xunta que fai oídos xordos" ao "clamor popular”.
As premisas que unen a cidadanía, organizacións e partidos da oposición son claras: "a dignidade e os dereitos para as persoas" que demandan ao Goberno galego en materia de sanidade, un "dereito universal" que debe estar "garantido", ser "accesible, eficaz e equitativo" en calquera parte do territorio.
Familias da plataforma Zas sen recortes en Sanidade, familias de Fisterra, Dumbría, Muxía ou Cee non faltaron a esta loita unidos ás veciñanzas da Estrada, A Rúa, A Mariña, Lalín ou Verín, o foco da loita nas últimas semanas.
Todas as novas en materia de Sanidade
Fonte
- Redacción de QPC e Galicia Confidencial.