Pontón sinala Zas como o exemplo do modelo municipal do BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou Zas este venres, e puxo ao concelo gobernado polo equipo dirixido por Lolo Muíño, como o exemplo de "modelo municipal de éxito do BNG que transforma en positivo a vida da xente e que demostra a súa capacidade para xerar dinamismo económico, social e cultural cunha xestión eficacia e eficiencia dos recursos".
Zas é un exemplo da “capacidade de transformación e bo goberno dos concellos BNG”, remarcou, para destacar a continuación outra das características que definen os gobernos locais da formación nacionalista, “a participación e a escoita activa da veciñanza”.
Así o afirmou logo dun encontro xunto ao alcalde, Manuel Muíño, con todo o tecido asociativo do concello, de ámbitos tan distintos como o veciñal, o comercial, o educativo, o cultural ou o deportivo.
O rexedor agradeceu a visita da portavoz nacional ao concello e mostrou o seu convencemento de que recollería e canalizaría as inquedanzas e preocupacións do tecido social, económico e cultural de Zas para impulsar solucións.
Sanidade, e minaría
Ambos destacaron a importancia da "defensa dos servizos públicos e nomeadamente da sanidade". Neste sentido, recordou como o goberno municipal está a defender xunto á veciñanza o dereito das nenas e nenos de Zas a “ter pediatra como en calquera outra parte do País” porque “non son nenos e nenas de segunda”, remarcou, ante o deterioro da sanidade pública por parte dun Goberno do PP que é “incapaz de poñer solucións e forma parte do problema”.
A portavoz nacional tamén destacou como o BNG antepón a terra e aos veciños e veciñas aos intereses dunha multinacional, en alusión á mina que o Executivo de Alfonso Rueda quere reactivar en Coéns e que afectaría tamén, ademais de a Zas, aos concellos de Laxe e Cabana. Neste punto avanzou que o BNG manterá a oposición a un “proxecto colonialista” que quere extraer os recursos naturais sen deixar máis beneficio que “destrución e problemas medioambientais”.
Máis novas
Pontón tamén sinalou aos concellos BNG como referentes do “traballo man a man” coa
veciñanza para poñer en marcha proxectos que melloran a vida das persoas.
Proxectos de futuro, por exemplo, como o parque científico-tecnolóxico que Zas está a
desenvolver en colaboración coa Universidade da Coruña, demostrando que é posible
xerar emprego e valor engadido tamén no rural.
“Levamos moito tempo traballando neste concello co respaldo maioritario dos veciños e
veciñas de Zas e isto é así precisamente porque os concellos BNG marcan a
diferenza”, concluíu.