Domingo. 26.05.2019
El tiempo

A Garda Civil de Vimianzo detén a 5 persoas polo roubo de cartos das contas de dúas persoas con discapacidade intelectual

A Garda Civil de Vimianzo detén a 5 persoas polo roubo de cartos das contas de dúas persoas con discapacidade intelectual

A Garda Civil do Posto de Vimianzo procedeu esta semana, no marco da Operación Mifid, á detención de tres responsables dunha empresa de construción e a dous empregados dunha sucursal bancaria que se aproveitaron da vulnerabilidade psíquica de dous membros dunha unidade familiar (unha das vítimas ten unha minusvalía psíquica de máis dun 70% e a outra é unha persoa de avanzada idade) para facer un uso indebido do diñeiro das súas contas.

Segundo as estimacións da Garda Civil, os detidos puideron realizar diferentes movementos grandes retiradas en efectivo, transferencias e préstamos, ademais de transaccións patrimoniais…) nunhas cantidades que oscilan entre os 40.000 aos 100.000 euros ao seu favor.

Os movementos indebidos nas contas das vítimas comezaron tralo falecemento dun familiar que se facía cargo das xestións económicas, momento que aproveitaron os presuntos autores dos feitos para comezar a realizar compras, contratos ou reintegros de grandes cantidades mediante o engano.

Os perxudicados déronse conta do sucedido un mes despois de que comezasen os movementos nas súas contas, tras acudir a un xestor para liquidar a documentación polo falecemento do familiar que se facía cargo deles.

A capacidade de engano dos detidos era tal que entre as declaracións da vítima tamén se fixo constar que o empregado do banco vendeulle un móbil por valor de 1000€, produto que non sabía utilizar e que llo cambiou a un taxista polo traxecto cara á súa casa.

Outras malas prácticas financieiras

Doutra banda, a Garda Civil tamén puido comprobar unha mala praxe por parte dos empregados da entidade bancaria á hora de xestionar os diferentes produtos financeiros relacionados cos perxudicados, que vulnerarían a lexislación europea e española relacionada cos mercados de valores e produtos financeiros.

Test MIFID

Nese sentido, para evitar situacións similares como as acontecidas, no seu día, coas Preferentes, a lexislación nacional e europea solicita controis máis estritos na oferta de produtos complexos. Unha das medidas establecidas, é a necesidade de realizar un Test de Conveniencia (Coñecido como o Test MIFID) co que se busca establecer os coñecementos financeiros dos clientes, así como o seu perfil inversor e a súa exposición ao risco. A propia Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) advertía nas últimas datas que as entidades bancarias estaban sobrevaluando estes test co fin de poder contratar estes produtos aos clientes.

Neste caso, o test relacionado cos prexudicados non se axustaba en nada á realidade, concedéndolle uns coñecementos financeiros nada acordes con eles, chegando a contratar fondos de investimento a un cliente cunha importante discapacidade ou un produto que vinculaba a súa rendibilidade á evolución dun índice bursátil europeo nos próximos anos.

A Garda Civil de Vimianzo continua coas investigacións abertas pola posible existencia de máis afectados pola contratación de produtos financeiros complexos.

Comentarios