mércores. 08.07.2026
El tiempo

O BNG de Laxe reclama unha solución definitiva para o paso da DP-4001 pola Torre e máis seguridade viaria en Coéns

Estrada de Coens-Laxe
Captura do Googlemaps da estrada ao seu paso por Coéns
O BNG de Laxe reclama unha solución definitiva para o paso da DP-4001 pola Torre e máis seguridade viaria en Coéns

O BNG de Laxe vén de rexistrar unha solicitude dirixida á Área de Vías e Obras da Deputación Provincial da Coruña para reclamar actuacións que melloren a seguridade viaria e a calidade de vida da veciñanza dos núcleos da Torre e de Coéns, ambos atravesados pola estrada provincial DP-4001 (Laxe–Fornelos).

A formación nacionalista considera prioritario que a Deputación inicie os traballos para facer realidade unha variante ou circunvalación que permita sacar o tráfico de paso do centro da Torre, un núcleo onde as vivendas se atopan practicamente a pé de estrada e no que o aumento continuado da circulación, especialmente de vehículos pesados, incrementou notablemente os riscos para a veciñanza.

No escrito presentado, o BNG solicita que os servizos técnicos da Deputación elaboren un estudo de viabilidade que analice as distintas alternativas posibles e que, unha vez definida a opción máis axeitada, se redacte o correspondente proxecto para incorporalo á planificación de investimentos do organismo provincial.

A iniciativa inclúe tamén peticións para o núcleo de Coéns, onde se demanda a adopción de medidas que permitan reducir a velocidade dos vehículos ao seu paso polo lugar, así como o arranxo e acondicionamento da marquesiña da parada de autobús, atendendo ás demandas trasladadas pola propia veciñanza.

A portavoz do BNG de Laxe e candidata á Alcaldía, Cristina Vázquez, afirma que “a Deputación non pode seguir mirando para outro lado ante unha situación que leva anos preocupando á veciñanza”.

Comentarios