O espectáculo infantil da serie 'Bibopalula' comeza a percorrer Galicia
- O espectáculo visitará A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vilalba, Vigo, Cee, Ourense e Verín, con funcións todas as fines de semana do mes de xuño.

Ainé levará aos teatros un espectáculo infantil, musical e de gran formato inédito en Galicia. Será a adaptación para as táboas da serie 'Bibopalula', producida por Undodez e a Televisión de Galicia, e que foi estreada o pasado mes de novembro en Xabarin.gal, converténdose no contido máis visto da plataforma en poucos días.
Marta Lado dirixe e é a autora da dramaturxia dunha proposta protagonizada por Lidia Veiga, que ven de gañar o Premio María Casares á mellor actriz protagonista. Estará acompañada sobre o escenario por Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez, encargadas de dar vida a Pegui, Carpin, Merli e Robin, a Banda do Bosque.
Ava (Lidia Veiga) é unha experta observadora de paxaros. Alegre, curiosa e aventureira, a súa paixón é o bosque e toda a vida que cada día podemos descubrir nel. No espectáculo é a encargada de animar ás pequenas e pequenos espectadores a prestar moita atención sobre o que acontece entre as árbores.
A Banda do Bosque recibe de parte do Señor Moucho a misión de atopar un misterioso tesouro. Robin, Carpin, Pegui e Merli enfróntanse durante a busca a distintos atrancos, pero tamén a momentos emocionantes ao redor de todo o que ofrece a natureza no bosque, os cambios meteorolóxicos, ou o día e a noite.
Polo medio da aventura, moita música: doce cancións orixinais xa coñecidas polo público de Bibopalula, como 'O Terremoto', 'A Carriola' ou 'A Poza', que multiplicarán o seu atractivo con coreografías, efectos especiais e un espectacular deseño de iluminación.
O equipo da proposta complétase con Martina Cambeiro no deseño de vestiario e o apoio á dirección, Santi Jul e Iván Laxe na musicalización e ambientación sonora, Gonzalo Porteiro no deseño de iluminación, Laura Mahía e Banale na dirección de arte. O primeiro proxecto teatral infantil en dez anos de traxectoria de Ainé está producido por Álvaro Pérez Becerra, coa dirección de produción de Elisa Martínez e a produción en xira de Miguel Vázquez e Alba Gilda.
Presentación aberta ás familias na Coruña

O espectáculo anunciouse hai un par de semanas nos Xardíns de Méndez nun acto conducido por Xosé A. Touriñán, produtor do espectáculo. Touriñán referiuse á importancia de que "desde Galicia apostemos por producir espectáculos ao grande, na nosa lingua, e con equipos galegos", sendo ambiciosos e aspirando a encher os teatros tamén de nenas e nenos que queren desfrutar de contidos na súa lingua.
A fisterrá Marta Lado, coa que falaremos en breve, animou ás nenas e nenos a asistir á función prometendo moitas sorpresas: aventuras no bosque, atrancos, emoción, e moita música.
En Cee, o 28 de xuño
O espectáculo visitará A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vilalba, Vigo, Cee, Ourense e Verín, con funcións todas as fines de semana do mes de xuño. A cita ceense será o 28 de xuño.
As entradas para a xira están xa á venda en www.bibopalula.gal
Apoios
Tanto a serie como o espectáculo que agora se presenta conta co apoio da Xunta de Galicia, que subvencionou a produción do contido audiovisual a través da liña de axudas á produción de contidos audiovisuais galegos da Axencia Galega das Industrias Culturais.
A marca Deleite súmase tamén como patrocinador principal á xira do espectáculo, no marco do seu constante apoio a decenas de iniciativas culturais en galego.
O Concello da Coruña participa tamén no proxecto apostando por acoller a estrea no Teatro Colón, e apoiando as propostas de creación teatral das produtoras da cidade que, como é o caso de Ainé, son quen de encher cada ano os distintos espazos escénicos con espectáculos en galego.