Martes. 15.10.2024
El tiempo

Eu tamén son fisterrán!

Eu tamén son fisterrán!

Un antigo proverbio árabe di que "os ollos non sirven de nada cando o cerebro é cego". Coido que é moi axeitado para o abandono no que permanece un espazo único na FIN DA TERRA.

Calquera que se achega polo monte do Cabo, veña de onde veña, síntese fondamente afortunado por gozar dunha paisaxe excepcionalmente fermosa. Os propios fisterrán enchen o seu peito cando oen as louvanzas de peregrinos e turistas que apousan os seus problemas ollando aquel horizonte mareiro. FISTERRA é terra de grandes creadores de riqueza e por tanto de exportadores de cultura. Se a vila de Fisterra tivese rexistrado tres das súas achegas hoxe as arcas municipais estarían ateigadas de cartos.

Estou falando da vieira, símbolo xacobeo por excelencia que viaxou no peto de aquel primeiro peregrino francés que con ela acreditou ter rematado o camiño.
Estou falando do futbolín [en Montevideo, futbolito] que o xenial Campos Ramírez nunca rexistrou ou patentou.
Estou falando dos coñecementos dos mariñeiros fisterrán que puxeron en marcha as frotas pesqueiras de Arxentina e Perú.

Se a vieira, o futbolín e as técnicas de pesca fosen debidamente inscritas na "Oficina de Patentes" de certo que serían millóns os recadados polo copyright.

FISTERRA necesita utilizar o cerebro para saír da trapallada. Non semella razoable que sendo unha potencia cultural ande de xeonllos detrás das administracións para ver coller unha unha migalliña dos orzamentos autonómicos e tamén dos estatais. FISTERRA estivo atoallada dentro da súa beleza pero agora vai comezando a espertar. Ten un goberno municipal con concelleiros que son patriotas auténticos. Algo inmportante para non deixarse atrapallar polas redes que tiran os merendiñas que ano tras ano buscan un caladeiro para papar sen suar o trasmallo. FISTERRA ten un heroe nas Malvinas ---Manuel Olveira Traba--- ao que non debemos esquecer se queremos ter unha boa singradura nestes tempos de ventos neoliberais que afunden aos que loitan polo benestar dos que menos ten.

EU TAMÉN SON FISTERRÁN!

 
  • Manuel Suárez Suárez. (mansuarez[arroba]quepasanacosta.com).
 

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Fonte

Comentarios