Luns. 06.05.2024
El tiempo

Galiza Nova pide o galego de volta nos Concellos e aulas

Galiza Nova pide o galego de volta nos Concellos e aulas

A entidade Galiza Nova da Costa da Morte denuncia que "en determinados concellos da nosa comarca o galego non só non avanza senón que cada día conta con menos respaldo das institucións educativas en todos os tramos (garderías, colexios e institutos), institucións xudiciais e sanitarias e mesmo administracións municipais, que van progresivamente excluíndo o galego da comunicación escrita ou oral de xeito inxustificado, por puro convencionalismo e ignorando o idioma maioritario da poboación á que se deben".

Para a entidade isto provoca na mocidade unha progresiva perda de falantes. Isto, sumado á hexemonía do castelán nos medios de comunicación, subscita na xente nova a reflexión de que o galego só serve "para a rúa" e en consecuencia provoca a progresiva desafección e abandono, mesmo en concellos da Costa da Morte nos que o uso do castelán era simplemente anecdótico.

Este círculo vicioso, na opinión das mocidades nacionalistas, só se pode romper "con máis medios para o galego e cunhas políticas reais encamiñadas a devolver ao noso idioma o prestixio social tanto na vida cotidiana como na profesional e académica".

Mal estado nas Garderías

É no eido dos máis novos onde Galiza Nova esixe solucións urxentes. "Hoxe en día é case imposíbel escolarizar a un neno de prescolar en galego; aprovéitase a titularidade privada da maioría das escolas infantís para decidir unilateralmente o idioma no que se imparten as aulas, incluso a idades de comezar a falar".

Mellor cara do galego na FP e no mundo laboral

Pola contra, Galiza Nova destaca a boa saúde do noso idioma nas etapas de formación profesional, o que achaca á diferente mentalidade de quen se forma nestes ciclos: "A mocidade prepárase para ser profesionais ao servizo dos veciños, e os veciños falan galego". Asi mesmo, "o galego aínda goza de boa saúde no mundo laboral da Costa da Morte".

Remata Galiza Nova esixindo ás administracións públicas que o 17 de maio "non sexa unha simple homenaxe institucional a Lois Pereiro", senón "que se pense en valorizar o galego a todos os niveis e todos os días do ano".

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de Galiza Nova Costa da Morte, da man de Mario Maceiras.

Comentarios