Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O Instituto de Estudos Bergantiñáns presenta o seu libro "O río Anllóns"

O Instituto de Estudos Bergantiñáns presenta o seu libro "O río Anllóns"

Portada Libro río Anllóns

Continúa o Instituto de Estudos Bergantiñáns espallando a riqueza do patrimonio comarcal. De feito, acaba de publicar o libro O río Anllóns, arteria principal de Bergantiños. Un traballo en equipo no que ademais dos autores (Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan Fdez. Carrera, Antón García Losada, Luís Giadás), participaron moitas outras persoas que achegaron información sobre muíños, centrais hidroeléctricas, piscifactorías, serradoiros, carpintería de ribeira e outros aspectos relacionados con esta nosa arteria bergantiñán e aos que queremos mostrar o noso agradecemento por esta colaboración.

Na publicación tamén se inclúe un traballo de José Luis Rabuñal Patiño sobre as aves na enseada da Insua e outro dun grupo de investigación do departamento de Edafoloxía e Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela sobre a saúde do río.

Este proxecto de estudo integral do río Anllóns que desde hai 2 anos emprendeu o Instituto de Estudos Bergantiñáns tiña como principal obxectivo "dar a coñecer á poboación da comarca este o río bergantiñán, o seu ben natural máis prezado, e ao mesmo tempo espertar unha maior conciencia de cara a súa conservación", como explica o presidente da entidade Xan Fdez. Carrera. "Queríamos tamén que servise de motivo de celebración do vinte aniversario da nosa asociación e deste xeito realizar nunha publicación máis ampla que os cadernos de Andando por Bergantiños que anualmente viñamos editando sobre as parroquias bergantiñás".

O libro xa levaba impreso desde o pasado mes de marzo, pero a crise sanitaria pola que estamos a pasar, fixo que permanecera na imprenta moito máis tempo e que non se puideran realizar as presentacións que tiñan previsto facer nos meses de abril e maio en cada un dos concellos que colaboraron nesta publicación. A partir de agora vai estar dispoñible nas librerías da comarca para todas aquelas persoas que se mostren interesadas na súa lectura.

O contido da publicación divídese en oito apartados a través dos que se tratan os diferentes aspectos relacionados co río tales como as distintas denominacións que recibiu ao longo da historia; a descrición que realizaron del varios autores en diferentes épocas; a relación do río coa obra literaria de Eduardo Pondal; a descrición da súa cunca desde o nacemento na ladeira sur do coto de Pedrouzo ata a súa desembocadura na ría de Corme a Laxe, despois de percorrer un total de 71,46 km.; o estudo polo miúdo do seu pasos polas parroquias que cruza, xunto co patrimonio histórico e etnográfico que hai nas súas marxes; os espazos naturais de maior interese situados ao longo do seu curso, incluíndo a flora e fauna máis común que vive dentro e fóra das súas augas; a hidrotoponimia e toponimia relacionada co Anllóns, e mesmo tamén, a saúde das súas augas.

A edición non sería posible sen a colaboración económica dos concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha e Ponteceso, xa que o seu custe resultaba moi difícil de asumir pola nosa asociación.

Artigos relacionados

Comentarios