Martes. 07.05.2024
El tiempo

Libros que dá gusto ler

Como rematar cos libros dunha vez por todas é unha breve escolma de textos de Mario Paz González publicados na prensa entre 2008 e 2023. Neles, cun estilo que combina a erudición, o humor e unha certa saudade, reivindica a importancia e o compromiso coas orixes e co idioma, describe persoeiros do eido da cultura, aborda temas de actualidade e trata algunhas outras cuestións como a que dá título ao volume, é dicir, a presenza necesaria dos libros, a cultura e a literatura nas nosas vidas.

  • Manuel Fernández López
Como rematar cos libros
Libros que dá gusto ler

Dous trazos destacados desta escolma ben poderían ser os que sinala a poeta Helena Villar Janeiro no limiar: “o interese de conectar [...] a Galicia coa cultura universal” e facer unha “defensa do idioma e da identidade de Galicia desde fóra dela”, pois Mario Paz González leva máis de vinte anos vivindo lonxe da terra, segundo di un dos textos. E destacado é tamén o feito de que o fai cunha voz propia e orixinal, cun estilo calmo, que invita á reflexión e que combina con habilidade certa erudición, un fino humorismo, un marcado distanciamento irónico e unha lene saudade, visible especialmente no conxunto de textos nos que aborda a reivindicación do noso, da autenticidade e das orixes.

Neles, precisamente, o autor pon esa voz ao servizo de diferentes variacións temáticas enraizadas na alma colectiva do país. Ademais da defensa da lingua, hai textos referidos á nosa intrahistoria —como o dedicado ás irmás Touza— ou á nosa paisaxe. Céntrase especialmente na paisaxe urbana estragada pola especulación. Pero, sobre todo, nas vilas onde andan a desaparecer sinais de identidade como as pequenas librarías (as “máis fermosas do mundo”), ás que compara co río da aldea pessoano. Son esas mesmas vilas nas que dá mágoa “ver as vellas casas desdentadas e abandonadas, pero, sen dúbida, dá máis pena aínda contemplar algún deses novos torreóns con algo de fachendoso e vulgar que as substituíu”. Con esa mestura de saudade e requintada expresividade, o autor laiase, non pola Galicia que foi, xa definitivamente perdida, senón pola que será, cunha invitación á reflexión e á conciencia sobre o que, gústenos ou non, imos construíndo —ou destruíndo— no día a día.

Neste mesmo conxunto destaca a lembranza de referentes galegos universais como a Xeración Nós —Castelao especialmente— ou Manuel María, cantor da Terra Chá, ademais de Isaac Díaz Pardo, Agustín Fernández Paz ou Ramón Chao, entre outros. Así, fronte á biografía de Steve Jobs, o autor recomenda a un rapaz novo a lectura de Sempre en Galiza, pois nela vai atopar “moitas máis cousas que lle ensinen a comprender o seu mundo, a nosa historia recente e tamén, por que non, a nós mesmos”.

Ao tratarse de textos aparecidos na prensa, non podían faltar referencias á actualidade de cando foron escritos: as redes sociais (o dedicado a Facebook é dos máis hilarantes), o fútbol, Wikileaks, a memoria histórica, a crise económica… Acentúase así un dos trazos que define o conxunto e é que Mario Paz fala do presente coma se este fose unha canle pola que flúe a vixencia do pasado, cuxas pulsións culturais subxacentes proxéctanse no mundo de hoxe. A equiparación entre a defenestración do xuíz Garzón e a traxedia de Antígona, o Nobel a Dylan e a lectura de Umberto Eco ou a crise económica, por oposición, e a China da dinastía Tang son exemplos sobranceiros.

Hai tamén algúns textos máis que reflexionan sobre a presenza da lectura, da literatura ou da cultura como táboa de salvación e parte de nós. Nun pregúntase “Como facer unha selección dos [libros] que un debería ler?” cando se ten conciencia da brevidade da vida. E no que dá título ao volume respóndese a si mesmo sinalando que cómpre evitar o libro “concibido como mero produto comercial coa única pretensión de compracer as supostas necesidades inmediatas e urxentes dunha clientela ávida de novidades, pouco esixente e nada crítica”.

A escolma, que leva na cuberta unha ilustración do poeta e artista plástico Baldo Ramos, recolle textos publicados polo autor na prensa e reproducidos todos eles no dixital avozdevilalba, malia que, como se aclara na nota final, a maior parte apareceran no seu día en moitos outros medios dixitais e de papel, de dentro e de fóra de Galicia. Trátase, xa que logo, dun libro heteroxéneo, mais suxestivo, que cobra unidade de sentido polo uso dun galego de sobria elegancia sintáctica, que deixa marxe ao lector para unha reflexión sobre o mundo que nos rodea e que, cos tempos que corren, faise profundamente necesaria.

  • Mario Paz González.
  • Como rematar cos libros dunha vez por todas.
  • Vilalba: Instituto de Estudos Chairegos. 2023.

 

Comentarios