xoves. 06.11.2025
El tiempo

Íntegro fachendea do seu voluntariado

Voluntario agro de integro
Dúas agro-voluntarias de Íntegro
Íntegro fachendea do seu voluntariado

A asociación Íntegro vén de facer balance dun ano especialmente activo e enriquecedor no eido do voluntariado social e ambiental, grazas ao desenvolvemento de tres programas complementarios que puxeron o foco na inclusión, o medio ambiente e a cooperación interxeracional: o proxecto piloto “Da horta á cociña”, o programa xuvenil Reacciona e as accións de voluntariado coa diversidade Recicla-T.

O obxectivo da entidade cabanesa é consolidar un equipo de voluntariado estable e formado, que participe de forma regular nas actividades da entidade e sirva tamén como espazo de aprendizaxe e sensibilización para a mocidade da Costa da Morte. Ademais, o programa permite identificar perfís novos que poderían incorporarse no futuro ao equipo profesional do Centro de Recursos Íntegro.


O programa “Da horta á cociña”, posto en marcha entre febreiro e outubro, apostou por unir xeracións a través da agricultura, a cociña e a artesanía, implicando a persoas maiores de 55 anos e mozos e mozas menores de 35. O obxectivo foi fomentar a aprendizaxe mutua, reducir o illamento social e
ofrecer novas oportunidades de futuro á mocidade do rural, especialmente na Costa da Morte.

Houbo sesións de transmisión de técnicas agrícolas, sesións de cociña comunitaria e de preservación de técnicas artesanais de tecido.

Concinando en Integro


O presidente de Íntegro, Adolfo López Baña, destacou que esta experiencia “debe ser un sementeiro de ideas e relacións que fortalezan o rural, demostrando que as xeracións teñen moito que achegarse mutuamente”.

Reacciona: xuventude, reciclaxe e inclusión

Tamén ao longo de 2025, Íntegro desenvolveu o programa Reacciona, unha iniciativa de educación ambiental e inclusión social posta en marcha coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dirixida a mozos e mozas de entre 16 e 35 anos.
O obxectivo principal foi concienciar sobre a importancia da reciclaxe dos materiais plásticos, promovendo ao mesmo tempo a participación activa de persoas con discapacidade en accións de alto valor social e educativo.

As actividades —realizadas entre xullo e setembro— incluíron visitas didácticas, obradoiros formativos e encontros con proxectos e profesionais da economía circular, como SOGAMA, Aula do Freixo, Aquarium Finisterrae, Aspaneps (proxecto Ártabro Inclusivo), Netcycle, Antonia Studio. Ademais, impartiuse unha charla titulada “SOS Planeta Terra” e un obradoiro Diversiplás, centrado na transformación de plásticos reciclados en novos obxectos.

Voluntariado de Integro

Voluntariado xuvenil Reciclat: compromiso coa diversidade e o medio ambiente

Paralelamente, a entidade continuou impulsando o seu programa de voluntariado xuvenil coa diversidade “Recicla-T”, no que participaron arredor de 12 persoas voluntarias menores de 30 anos. Estas colaboraron en accións de coidado do medio ambiente e apoio a persoas con discapacidade, principalmente durante os meses de verán.

Comentarios