Luís Giadás guiará o roteiro histórico pola Coruña do Instituto de Estudos Bergantiñáns
O Instituto de Estudos Bergantiñáns, dentro do seu programa Andando por Galicia, organizará o vindeiro sábado 14 de outubro unha visita cultural á cidade da Coruña, guiada polo historiador Luis Antonio Giadás Álvarez, profesor no IES Eduardo Pondal de Ponteceso, membro da directiva da nosa asociación e un profundo coñecedor da historia da cidade herculina.
A saída será ás 8.30 horas da rúa Gran Vía de Carballo, da parada de autobús que hai fronte á praza de abastos.
O programa previsto para esa xornada comezará ás 10 horas cunha visita á torre de Hércules para coñecer a historia deste antigo faro. A continuación os participantes trasladaranse en autobús ata as inmediacións da Cidade Vella para iniciar unha ruta por esta parte histórica con paradas no Xardín de San Carlos, praza das Bárbaras, igrexa colexiata de Santa María do Campo, praza de Azcárraga, praza de Capitanía, igrexa de Santiago, rúa Tabernas e finalmente na praza de María Pita.
Despois de xantar, o itinerario da tarde centrarase no antigo barrio da Pescadería e Ensanche con paradas na rúa da Mariña, rúa Real, Cantóns, avenida de Juana de Vega, rúa Compostela, para rematar na praza da Cidade de Lugo e arredores
Os billetes están á venda para os socios desde o xoves, 28 de setembro e para o resto do público a partir do 2 de outubro na librería Brañas Verdes de Carballo a un prezo de
25€ para socios e 27 para non socios, nos que se inclúe transporte, xantar e entrada á Torre de Hércules.