Xoves. 03.10.2024
El tiempo

Maladanza e progreso

Francisco Santiago López, autor da canle de natureza Signatus Films e membro da comunidade ecosocial Boca de Sapo, envíanos este artigo relativo á ameaza que supón o Polígono Eólico de Sembra á única zona da Costa da Morte, por agora, libre de eólicos.
Vistas do Cabo Fisterra dende o Monte de Armada-FDoto-Xurdemoran
Vistas do Cabo Fisterra dende o Monte de Armada-Foto-Xurdemoran
Maladanza e progreso

A Costa da Morte vai camino de se converter nunha verdadeira Costa de “Morte”. Unha lingua de territorio no que o mar, os ríos e o monte confluían nunha explosión paixasística única e orixinal no continente europeo, agora convertida nun vertedoiro verde pálido, nun inmenso e morno eucaliptal que rachou cunha das contornas máis fermosas do planeta. O Fin da Terra convertido nun barazal de madeira barata destinada a limparnos o que a decencia quixo sempre que se cubra.

Pois agora a falta de escrúpulos, de estética, de cultura e pertenza, abre outro camiño ao vertedoiro máis virulento e tenebroso. Unha multinacional alemana puxo os seus ganchos nestas terras, xa de por si devaluadas para invadir, agredir, rachar, esnaquizar, maltratar o que resta da paisaxe e da contorna natural. A negra sombra dunha inmensa poligonal eólica esténdese polos montes de Sembra, Sardiñeiro, San Pedro Mártir e a Ameixenda. O Fin do Camiño de Santiago despedirá aos peregrinos entre inmensas estructuras metálicas de centos de metros virando e berrando coma unha inmensa manda de xigantes graxentos. Banle (Ameixenda) un dos poucos ecosistemas naturais que se conservan, cunha parte importante dentro do espazo protexido de Rede Natura, berce de multitude de mananciais que abastecen ao idílico e fermoso lugar da Ameixenda onde pastan cabalos, vacas e corzos, onde cantan as lavercas, planean as aguias cobreiras, cacarexan as perdices e asubían os lobos, atrapado na gran poligonal eólica alemana.

A dinámica que empregan este tipo de multinacionais para se faceren cos dereitos do territorio propiedade dos veciños é a seguinte: Desembarca na zona un “conseguidor”, acompañado de varias persoas coma avogados e enxeñeiros encargados de facer o proxecto para a multinacional. Contactan cun ou varios veciños que sustentan certa influencia dentro da tribo. Unha vez contactados, comeza a laboura de captación da xente e tratar de convencelos que entreguen os terreos, na maior parte das veces, a cambio de pírricas cantidades de diñeiro que recibirán a modo de pagamentos de carácter anual. Debido a estrutura da propiedade da Galiza, caracterizada por ser unha distribución territorial  minifundista, soamente uns poucos propietarios poden levar unha cantidade “razonable de cartos” o resto recibirá “migallas” a cambio de hipotecar a propiedade e vender a súa área de influencia (a Vila), o seu espazo vital que quedará suxeito aos caprichos económicos da multinacional, fondos de inversión que por certo, tributarán lonxe da Galiza e de España, namentres os veciños seguirán pagando a luz tan cara coma en Madrid.

Celebráronse varias reunións de xeito discreto unha en Pereiriña e outra na Ameixenda, esta última na casa cultura da vila. Alí estaban os “conseguidores”. Na quenda de demandas, o que escribe, preguntoulles canto beneficio ía levar a multinacional e a resposta foi unha invitación a que abandonase a sala de xuntas. Eu abandonei a sala e mentres saía escoitei dicir que os que non formasen parte da mancomunidade de montes da Ameixenda tamén abandonasen a sala. Un deles respondeu que el era veciño de toda a vida da Ameixenda, que a casa da cultura era un lugar público pagado por toda a veciñanza e que non tiña por que abandonar o local, ademais porque era unha persoa afectada por ese proxecto . Ben dito, e “benditos”sexades os que vos opoñedes a toda esta miseria de progreso que campa coma lle peta, por estes lugares do Fin do Mundo.

Novas relacionadas

Vídeos naturais de Francisco Santiago López

Comentarios