Sábado. 07.09.2024
El tiempo

Novas axudas para contratar internet de banda larga para zonas rurais

Novas axudas para contratar internet de banda larga para zonas rurais
Banda Larga Via Satelite

A verdade é que non sabemos se algún veciño da Costa da Morte xa ten conexión de banda larga vía satélite. E tampouco se algún dos 1.400 usuarios que se beneficiaron das axudas do Plan de Banda Larga da Xunta é da zona. Tampouco sabemos, e nin cremos, que "grazas ao Plan, máis do 97% dos galegos xa dispoñen de acceso ao servizo de banda larga de calidade a través de redes fixas ou sen fíos", como aseguran a IMIT.

Pero a nosa obriga é informar destas cousas, e a Xunta vén de abrir a "apertura da terceira convocatoria de axudas para contratar Internet de banda larga vía satélite destinadas a fogares e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura de toda a Comunidade", como é a nosa.

O programa conta este ano cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a case 2.400 fogares e pemes que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.

Sufragaranse con ata 150 euros os gastos de instalación así como o equipamento no interior das vivendas ou empresas (router wifi, etc) e a alta de liña e o primeiro mes serán gratuítos.

O prazo de presentación de solicitudes a través das entidades colaboradoras comeza hoxe, 26 de marzo e remata o 30 de agosto de 2014.

A través de 5 empresas

As axudas tramitaranse a través de 5 empresas acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta de Galicia: Duo Telecom, Eurona, Intermax, Quantis e Terrachá Technoloy. Poderanse sumar novas entidades colaboradoras ata que remate a vixencia das bases (2013-2014).

Beneficiarios e importe das axudas

Os beneficiarios das axudas serán fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á Rede, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses.

As entidades colaboradoras ofrecen servizos de internet vía satélite de ata 20Mbps de velocidade de baixada ao abeiro desta convocatoria. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.

Aquí teñen o Cadro coas empresas acreditadas coas que podedes contactar para preguntar.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios