O Mirante: PP e PSOE volven caer de cara ás Xerais de decembro
Xa temos data para as Eleccións Xerais de 2015. O 20 de decembro será o día sinalado, e con esas miras analizamos o Mirante de Outubro, o completo estudo da estimación de voto realizada polo experto demoscópico Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego.
Unha análise que deixa dous datos significativos: a entrada das CUP no Congreso dos Deputados, así como a baixada de PP e PSOE, que viñan recuperando posicións durante o verán.
Estudo de Carlos Neira
Tralas eleccións catalás publicáronse catro enquisas e unha estimación de gabinete sobre as eleccións xerais do mes de decembro. Salvo o desvío pro-PP da enquisa de NC Report/La Razón a tendencia é clara en todas elas: subida de Ciudadanos a custa das outras tres grandes forzas. Este crecemento demoscópico responde tanto a un efecto contaxio dos bos resultados dos de Albert Rivera en Catalunya como ás correccións que tras cada elección realizan os institutos que elaboran as enquisas.
Para o PP esta é a primeira caída desde o verán, anque se trata só de tres décimas. Para o PSOE é o primeiro retroceso desde abril, cando era patente o pinchazo de Podemos e o ascenso de Ciudadanos (o real, e non o adiantado polos medios do grupo PRISA). Con todo, o paso atrás é só dunha décima, e en rigor no seu caso só cabe falar de estabilidade demoscópica desde o verán. Podemos continúa a súa contracción constante desde a primavera, con apenas un pequeno rexurdir puntual previo ás eleccións municipais. Este mes déixase medio punto, o que significa que Podemos se sitúa ao mesmo nivel que inmediatamente despois das europeas do ano pasado.
Por detrás IU volve a repuntar lixeiramente, aproximándose do 5% do voto válido, volvendo a pór de manifesto que as súas subas, anque modestas, coinciden cos retrocesos de Podemos. UPyD volve a apuntar cara o cero porcentual, tamén en consonancia coa recuperación de Ciudadanos. De todas formas os de Díez e Herzog hai meses que están fóra do Congreso e a súa única virtualidade política será unha absorción ou un aval a Ciudadanos.
As eleccións catalás supoñen a aparición das CUP na escena estatal. As enquisas publicadas amosan que terían posibilidades de obter representación no Congreso se deciden concorrer ás xerais. No bloque do Junts pel Si semella que CDC sae fortalecida en relación a Esquerra. En Euskadi todo segue igual que o mes pasado, co PNV por diante de Bildu. As maiores novidades electorais lévanse producindo na veciña Navarra, onde Geroa Bai obtería un representante. En Galicia e Canarias as enquisas estatais tamén seguen devolvendo os mesmos números que en meses anteriores. Nunca se dirán veces abondas que para todos os partidos non estatais a representatividade das mostras e as estimacións resultantes baixan moitos enteiros en credibilidade.
Novas sobre as Eleccións Xerais
- Setembro 2015: O bipartidismo recupérase segundo o estudo demoscópico O Mirante do mes de setembro.
- Xullo 2015: #OMirante: PP e PSOE recuperan forza mentre Ciudadanos para o seu ascenso
- Xuño 2015: O PSOE achégase ao PP mentras Podemos segue collendo impulso
- Maio 2015: #OMirante: O Partido Popular continúa coa súa caída:
- Abril 2015: #OMirante: Ciudadanos medra a costa do PP.
- Marzo 2015: #OMirante: O PP retoma o mando en intención de voto ante o novo baixón de Podemos.
- Febreiro 2015: : O Mirante: Podemos frea o seu medre pero segue sendo a forza máis votada.
- Xaneiro 2015: Estudio de Carlos Neira para AMEGA: O Mirante: Podemos gañaría as eleccións a día de hoxe.
- Decembro 2014: Estudio de Carlos Neira para AMEGA: Podemos, camiño da Moncloa.
Máis novas políticas
- Unha vintena de políticos imputados na Costa da Morte.
- Eleccións Municipais 2011: Valoracións sobre os Resultados das Eleccións 2011.
- Eleccións Xerais 2011 Eleccións Xerais 2011: O PP arrasa na Costa da Morte igual que en toda España.
Fonte
- Redacción de QPC a raíz do informe de Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego.