mércores. 30.04.2025
El tiempo

Deputación e os 12 concellos retoman, outra vez, o Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte

convenio Parque do Megalitismo
Xosé Luis Penas cos 12 representantes municipais
Deputación e os 12 concellos retoman, outra vez, o Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte

Parece un deses proxectos que nunca acaban de materializarse, deses que a propia idiosincrasias costeira se ocupa de desfacer. Un , que parecía rescatarse en 2011 mesmo cunha partida orzamentaria de 4 millóns, pero que acabou quedando no caixón. Ata que esta Deputación se propuxo rescatalo en 2018.

Pero xa van 7 anos dende aquela primeira xuntanza nas Torres do Allo, en parte polas continuas peticións de adhesións de novos elementos. Se en 2011 eran propostos 15 enclaves de 8 concellos, a día de hoxe hai xa 12 concellos implicados e máis dunha vintena de elementos.

O proxecto parece que volve coller forma, e esta mañá, o deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xosé Luis Penas, asinou a renovación do convenio de colaboración cos concellos da Laracha, Cabana, Carballo, Cee, Coristanco, Dumbría, Laxe, Malpica, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas para regular o proxecto ‘Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte’ co obxectivo de promover e poñer en valor o patrimonio megalítico na comarca.

O acordo supón a continuidade dos traballos que permitirá a xestión conxunta e coordinada deste proxecto para, así, impulsar a conservación, difusión e aproveitamento turístico e cultural dos elementos de arte rupestre presentes no territorio. A través deste convenio, as entidades comprométense a agrupar recursos humanos, materiais e económicos co fin de garantir unha xestión eficiente e sustentable do proxecto.

Ao mesmo tempo a sinatura da renovación do convenio supón a aceleración dos traballos actuais en marcha en materia de sinalización, renovación do comité científico-técnico, roteiros, comunicación e xestión dos terreos para facilitar as visitas, entre outros.

A próxima data de reunión que será o vindeiro 20 de maio en Vimianzo que ostenta a presidencia rotatoria neste ano 2025.

NOVAS SOBRE O PARQUE DO MEGALITISMO

Comentarios