Un minibús bergantiñán para as estudantes de Malawi

Ata onde pode chegar a solidariedade da Costa da Morte! Esta semana, voluntarios e voluntarias da Asociación Operación Pangono Pangono, desprázaronse a Malawi para facer a entrega oficial da MiniVan_Area49, un minibus destinado á residencia de mozas estudantes Amai Maria, situada en Lilongwe, capital deste pequeno país africano.
Como nos conta Ricardo Baamonde Couto, Presidente Asociación Operación Pangono Pangono, o minibus entregado foi adquirido grazas ao proxecto #MiniVan_Area49, recolle o nome do barrio onde se atopa a residencia de estudantes na capital do país malawiano.
A #MiniVan_Area49 vai permitir que as mozas estudantes da residencia Amai Maria poidan desprazarse cada día aos seus centros de estudos repartidos pola capital do país, coa mellora na educación que vai supoñer para estas estudantes da residencia poder dispoñer dun medio de transporte propio. Ademais, estas misioneiras administran dous hospitais rurais e un orfanato, e poderán usar o minibús para outras tarefas.

Son varias as empresas e persoas da comarca de Bergantiños que fixeron posible a consecución deste proxecto #MiniVan_Area49, empezando pola empresa Nómadas Motorhome, con sede en Carballo, principal patrocinadora do proxecto. A empresa pontecesana Axuste Gráfico, encargouse da rotulación do minibus. E a promotora do proxecto, a asociación Operación Pangono Pangono, con sede social en Malpica, e presidida por Ricardo Baamonde Couto, veciño da propia vila, foi quen se encargou de facer a entrega da MiniVan ás Misioneiras de María Mediadora, administradoras da xestión da residencia.
Os voluntarios e voluntarias da Operación Pangono Pangono ("pouco a pouco" en chichewa, lingua oficial de Malawi xunto coa lingua inglesa), aproveitaron o desprazamento a Malawi para facer tamén entrega de varios ordenadores adquiridos grazas ás achegas de membros e simpatizantes da asociación por medio dun crowdfunding posto en marcha unhas semanas atrás.
Durante a semana de estadía no país realizaron tamén varios mantementos nas instalacións eléctricas fotovoltaicas instaladas en anteriores visitas ao país. Comprobaron que en moitas destas instalacións é preciso a substitucións de varias ou de todas as baterías debido aos continuos cortes na subministración eléctrica que provocan o seu rápido deterioro.
Constatouse que, lamentablemente, a situación económica e social do país tampouco mellorou nos últimos anos e que seguen a ser continuos os cortes na subministración eléctrica polo que os equipamentos solares fotovoltaicos continúan a ser imprescindibles nas escolas, hospitais e residencias onde se atopan instalados.