Martes. 17.09.2024
El tiempo

O PAS da Deputación deixa 5,7 millóns de euros na bisbarra

O PAS da Deputación deixa 5,7 millóns de euros na bisbarra
praza recheo ponteceso A Deputación destina 245.000€ para as melloras de accesibilidade da praza do Recheo de Ponteceso O Plan de Acción Social - PAS - da Deputación da Coruña deixa 5,7 millóns de euros na zona da Costa da Morte para un total de 66 proxectos financeiramente sostibles, cunha vida útil superior a cinco anos e cun carácter social relevante. A totalidade dos concellos das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra beneficiarase deste plan que se aprobou fai agora un ano e que xa conta con proxectos concretos na zona. O PAS esta dotado con 33 millóns de euros, destinados a paliar as caídas dos ingresos dos concellos en partidas esenciais, mellorando así as condicións de vida da poboación. De este modo, a Deputación quere recuperar a súa función orixinaria de apoio aos municipios de menos de 20.000 habitantes, apostando pola xeración de emprego e a recuperación económica da provincia. As obras concedidas en Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra inclúen eliminación de barreiras arquitectónicas, melloras en parques e espazos públicos e reformas en instalacións de titularidade municipal, entre outras. Outros proxectos do PAS de maior envergadura son a reforma do campo de fútbol As Eiroas en Carballo ou o acondicionamento e mellora da accesibilidade da praza do Recheo de Ponteceso. Reforma de As Eiroas O proxecto de maior envergadura que financia o PAS na comarca é a substitución do céspede artificial no estadio municipal As Eiroas. O concello de Carballo recibiu máis de 368.240 euros para acometer estas melloras, nas que ademais do cambio da herba nunha superficie de 7.200 metros cadrados, renovouse a base asfáltica, revisáronse as pendentes e o sistema de drenaxe e corrixíronse outros defectos no campo de xogo. Os fondos provinciais tamén permitiron cambiar as porterías, os banderíns de córner e os bancos, e pintar de novo as liñas de marcaxe de fútbol 11 e de fútbol 7. O concello de Carballo percibe un total de 906.812 euros do Plan de Acción Social, cos que se executarán outros tres proxectos a maiores da reforma en As Eiroas. Accesibilidade A mellora da accesibilidade recibirá gran parte dos fondos provinciais. No barrio das Flores, destinaranse 281.057 euros para e garantir a accesibilidade a persoas con mobilidade reducida nas rúas Mirtos, Malvas, Camelias, Violetas, Moreiras, a avenida da Cristina e na praza de San Cristovo. As obras incluirán a dotación de novo firme a base de aglomerado asfáltico, a construción e reforma das beirarrúas e a realización de novas redes de pluviais, abastecemento de auga e saneamento. Ademais, na praza de San Cristovo instalarase parque infantil novo e renovaranse as zonas deportivas. O pazo da Cultura de Carballo tamén verá eliminadas todas as barreiras arquitectónicas grazas á achega de 36.315 euros da Deputación, cos que se garantirá o uso e desfrute do edificio público por parte de todos os cidadáns independentemente das súas condicións físicas e motrices. Na mesma liña, 102.830 euros irán destinados á eliminación de barreiras arquitectónicas na rúa Xúpiter, situada nas inmediacións do centro comercial Bergantiños. As obras consistirán na formación de beirarrúas en ambas marxes, na dotación de pavimento continuo na calzada e na creación de novos bordos adaptados. Outros concellos como o de Ponteceso tamén solicitaron financiamento do PAS para acometer melloras na accesibilidade. A praza do Recheo, no centro urbano pontecesán, recibirá unha achega de máis de 245.000 euros, cos que se ampliará a superficie peonil ata preto da ribeira do Anllóns, coa mellora das condicións de accesibilidade evitando diferenzas de altura en bordos e eliminando os obstáculos. O proxecto tamén contempla a dotación dunha marquesiña de usos múltiples, coma apeadeiro de autobuses, parada de taxis ou cuberta para disfrute da poboación. Acondicionamento de parques e edificios públicos Unha das grandes liñas de actuación do PAS na zona é o acondicionamento de espazos e edificios públicos, para o desfrute e ocio dos cidadáns ou destinados a accións sociais, culturais e educativas. Un gran número de parques e espazos infantís veranse beneficiados das axudas do Plan de Acción Social en concellos coma Vimianzo, Malpica, Fisterra ou Zas. En concreto, en Vimianzo ampliaranse as zonas infantís e instalaranse circuítos biosaudábeis para maiores nos núcleos rurais de Bamiro, Serramo, Quintáns, Tufións e Mouzo, con cargo 88.741 euros dos fondos provinciais. Tamén se acometerán melloras no parque de Cereixo grazas a unha axuda de 104.346 euros do PAS. Actuacións similares terán lugar nos parques infantís de Milladoiro e Beo, para os que o concello de Malpica de Bergantiños recibe 44.845 euros, e no de San Roque, que o concello de Fisterra reformará con 64.836 euros do Plan de Acción Social. O concello de Zas poderá acometer reformas en numeroso parques, escolas unitarias e outras instalacións públicas grazas a seis proxectos financiados polo PAS. En concreto, actuarase no parque infantil de Muíño, o pavillón municipal de Baio, a áreas recreativa de Meanos, o auditorio de Zas e o local social de Baio. As achegas do PAS en Zas tamén abranguen centros de ensino situados en núcleos rurais. As escolas untarias de Romelle, Zas e Muiño verán solventadas certas carencias coma illamento exterior, pinturas e instalacións diversas, grazas a 30.293 euros dos fondos provinciais. Doutra banda, as escolas unitarias de San Cremenzo e Carreira, tamén no termo municipal de Zas, reciben 33.964 euros. O concello de Coristanco destinará 68.719 euros a acondicionar os patios e zonas lúdica nos CEIPS de A Braña e Bormoio e nas escolas unitarias de Oca e Rabadeira. Tamén en Coristanco, o CPI Alcalde Xosé Pichel, na parroquia de Traba, beneficiarase da achega 90.981 euros da Deputación para reparar o patio e as pistas deportivas exteriores. Outros edificios públicos que se reformarán con cargo ao Plan de Acción Social da Deputación serán os locais sociais, coma os de Nantón e Anos, ambos no municipio de Cabana de Bergantiños e que reciben 59.085 e 38.000 euros respectivamente. Así mesmo, repararse o centro cívico de Malpica con 54.414 euros do PAS. obras-pas-deputacion-costa-da-morte   Novas relacionadas Fonte  

Comentarios