Venres. 29.03.2024
El tiempo

O “petróglifo” do Petón de dona Urraca. Patrimonio? Si

O “petróglifo” do Petón de dona Urraca. Patrimonio? Si
Zona do petroglifo do Faro de Morquintian-Foto-Manuel Vilar 2 O monte Faro visto desde Santa Mariña-Foto-Manuel Vilar Realmente estou un pouco sorprendido polo interese que levantou o “petróglifo” do monte Faro de Morquintián. Penso que son positivos estes debates sobre o noso patrimonio cultural e que nel participen profesionais de diversas ramas do saber, así como cidadáns de a pé. Sempre poderán valer para concienciarnos sobre o que forma parte da nosa paisaxe e poidamos ter máis argumentos para unha mellor lectura do territorio que habitamos, para que a paisaxe non sexa un territorio baleiro e alleo a nós e si unha realidade que ten que ver coa sociedade que a foi construíndo, porque a paisaxe é a interacción do natural e do quefacer humano ao longo da historia. Direi que, para min, as cruces que están no Petón de dona Urraca si é patrimonio, pois ese emprazamento forma parte da memoria dos habitantes, cada vez menos, dos lugares que están á beira dese monte, monte que marca esta xeografía e marcou a da miña nenez e adolescencia e séguea marcando, agora cada vez máis na distancia. O Petón de dona Urraca O Petón de dona Urraca non aparece como tal nun apeo ou delimitación do couto de Moraime que se fixo a comezos da idade Moderna. Si aparecen outros nomes, algúns non localizados, outros desaparecidos polo habitar e, ultimamente, pola eucaliptización galopante que borra moitas destas pegadas e marcas do pasado. No devandito apeo dise, referíndonos agora só a zona próxima ao petón de dona Urraca, que a delimitación vai dende o Pión “derecho a las Piedras Pardas y de allí a un marco que está en las Brañas de las Gandras de Santa Mariña que está el dicho marco al fin de las dichas Gandras a la parte del vendaval y del dicho marco afiando derecho por el monte arriba hasta llegar a lo más alto del Faro de Prado y de allí derecho por el Faro abajo hasta llegar a la fuente de Termoeiro y de allí derecho a la piedra do Couto y de allí derecho a la fuente da Uz y de allí derecho a la piedra do Frade y de allí derecho a la mámoa do Magouco por el medio del alto de ella y de allí por el monte y altos de Aferroa arriba y de allí a la mamoíña de la Portela de Figueiroa ...” e, así, pasando pola mámoa que está no termo da Lagoa da Serra e seguir até a Pedra do Piollo “que está a la beira do mar en la cual está hecha una cruz”. Aquí xa confina Moraime con Muxía, e segue a delimitación pola Pedra Alta, monte das Forcas, onde tamén hai unha mámoa, “junto pegado con la horca de la Jurisdición” de Muxía. Estes nomes tamén son un patrimonio ao que non lle prestamos moita atención e ningún  respecto. Cando hai uns anos organizaramos unha visita ao alto das Pedras das Forcas, onde se mestura arqueoloxía, historia e lenda, e o concello de Muxía limpara o camiño e o espazo ao redor das pedras, inmediatamente apareceron plantados os vizosos eucaliptos para borrar os elementos que soportan un relato de nós. No alto do monte Faro Zona do petroglifo do Faro de Morquintian-Foto-Manuel Vilar 2 No alto do monte Faro. Ao fondo vese a silueta do monte Pindo-Foto-Manuel Vilar Mais volvamos ao alto do monte do Faro. Desde aquí podemos sinalar, cando menos, catro ou cinco mámoas nas súas inmediacións e afectadas pola apertura de pistas ou perdidas no medio de repoboacións, cando antes sinalaban os límites das parroquias e eran referentes na paisaxe. Eu, habitante deses lugares, tardei en escoitar o microtopónimo Petón de dona Urraca. Sempre escoitara falar do alto do Faro de Prado e do alto do Faro de Morquintián, un máis alto co outro; tamén escoitei nomear a Eira do Faro. Pode que este microtopónimo faga referencia a restos arqueolóxicos ou simplemente a que no alto hai espazos chairos e pacía o gando. A primeira vez que escoitei a mención a dona Urraca foi a unha muller de Cartel. Esta señora, que lembro estaba sachando nunha leira cando me acheguei a preguntarlle por Castro Verde, contoume algunhas lendas. Unha delas dicía que había un túnel desde o Petón de dona Urraca até a Area Maior. Esa mesma muller díxome dunha casa na que tiñan un título de propiedade dunha leira, situada nesa paraxe, e na que se mencionaba este microtopónimo, mais nunca puiden ver ese documento. Non está de máis lembrar aquí que “Area Maior” é o topónimo do que hoxe todos coñecemos como praia dos Muños, un topónimo de sempre e que xa aparece na documentación histórica de Moraime. Os Muños é outro topónimo que non se respecta, pois parece máis elegante dicir Os Muíños e xa non digamos “Los Molinos”, que aínda se escoita.

A lenda para interpretar a paisaxe

Interpreto esta lenda do túnel coa delimitación do territorio pertencente aos frades bieitos de Moraime, sinalando desde un extremo, identificable na distancia, ao límite mariño, onde xa non tiñan xurisdición.  Alguén ten escrito que “o espacio é un dos elementos constitutivos que fan posible a existencia da conciencia histórica”. Esta lenda facía posible entender un territorio desde unha racionalidade distinta a que hoxe manexamos. Un xeito simbólico de apropiarse ou construción do espazo no que se vive, de facelo vivible. Hoxe teriamos que reinterpretar  estas lendas para facer unha outra lectura do territorio, porque a sociedade ten cambiado e a paisaxe tamén, polo que a nosa lectura ten que ser distinta, pero ten que haber lectura dun libro que teña páxinas escritas, non en branco. Ocorréuseme ir un día falar coa desaparecida Selvita de Moraime e preguntarlle polo Petón de dona Urraca. De rapaza Selvita camiñara o monte Faro coidando do gando. Selvita non coñecía esa laxe con cruces, ou non a lembraba. Si me dixo que recordaba algo cravado, “coma un ferro”, dixo. Restos dunha construción? E de neno, lembro que contaban que unha estrela baixaba polas noites a se pousar no alto do monte para alumear aos do lugar de Prado de Morquintián, pois estes non tiñan aínda luz eléctrica, cando nos outros lugares xa había anos que chegara. Non sei si as marcas que hai no Petón de dona Urraca son naturais ou feitas pola man dos paisanos que habitaron esta terra na idade do Bronce ou dos que acompañaron ao meiriño de Moraime cando fixeron ese apeo, pois estes din que en varios sitios, “hicieron unha cruz con un pico de hierro”, ou dos que, máis recentemente, pasaban o tempo no monte gardando o gando. Non será un petróglifo, pero si é unha referencia na paisaxe e cada vez temos menos paisaxe que apreciar. O Faro é un monte que debuxa a distancia esa liña de costa entre Fisterra e Muxía e que axudou a conformar ese nome co que agora todos nos identificamos e recoñecemos: Costa da Morte. O Faro é o monte que marca a xeografía vivencial de varias pequenas freguesías do concello de Muxía, un exemplo: todas beben auga que procede dese monte, outro podía ser as lembranzas do lume, porque “antes” so ardía o Faro. Sempre digo que a paisaxe é unha construción histórica cargada de memoria. Se eliminamos os referentes, as marcas, non teremos a que agarrarnos e estaremos aboiando, algo que si teñen interese os grandes monopolios. A paisaxe cambia como cambia a sociedade que a constrúe, pero agora sofre unha desterritorialización pola perda de uso, e a menor intensidade de uso menor intensidade na creación de valores e menos carga semántica, polo que, como sociedade, entramos nun proceso de desvitalización que nos leva a unha norte por  decapitación.      

As Aberturas. Memorias e paisaxes

Outros artigos de Manuel Vilar

Serie “De Carnota a Astoria: “Vin porque me trouxeron, non quería vir””, por Manuel Vilar

Fonte

Comentarios