Protección Civil abre puntos de recollida de material para os lumes de Ourense e piden non acodir de xeito individual

Que a axuda chegue coordinada. É unha premisa de todas as catástrofes que adoita sucumbir ante a marea de solidariedade que provoca que haia moita xente que non pode evitar encher un vehículo e presentarse na zona cero. Con todo, dende o 112 piden evitar acodir individualmente ás zonas afectadas, porque poden dificultar o traballo dos equipos de emerxencia, poñer en risco a súa propia seguridade e colapsar as vías de acceso. Indican que os puntos de recollida serán os centros de Protección Civil, e solicitan batelumes, lentes e luvas de protección e máscaras.
Así, grupos como AV de Protección Civil de Laxe están recollendo no seu posto de 9:00h a 14:00h, gafas de protección, luvas e mascarillas FP2.
Tamén a Agrupación de voluntarios de Protección Civil de Carballo colaboran e abren as súas portas na Praza Médico Eduardo Mariño en horario de mañá.
Así mesmo, desde o xoves da semana pasada todo o persoal permanece en situación de prealerta, a disposición da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, por se fose precisa a súa presenza na provincia de Ourense. “Estamos preparados para ser mobilizados en canto sexa necesaria a nosa axuda”, explica o coordinador do servizo, Javier Souto.
Dende a zona sur, tres voluntarios de Protección Civil de Cee trasladaron a Ourense un lote de máscaras FFP2 e FFP3, luvas de protección e pantallas faciais doadas por XEAL.