Luns. 09.09.2024
El tiempo

O Plan Único da Deputación dota de máis autonomía aos Concellos

O Plan Único da Deputación dota de máis autonomía aos Concellos
plan-unico-deputacion-da-coruna A sede da Deputación da Coruña acolleu esta mañá a presentación do POS+ 2017- Plan Único de Concellos, un novo plan de investimentos dotado con 74 millóns de euros, o maior orzamento contemplado nun plan provincial na historia da Deputación, e destinado aos 93 concellos coruñeses, que incorpora importantes novidades con respecto aos anteriores programas provinciais. González Formoso destacou que os obxectivos principais do plan son “axudar a sanear as economías municipais e favorecer a creación e mantemento do emprego a nivel local, reforzar a autonomía municipal, e afondar na liña de reparto obxectivo dos fondos e de simplificación na tramitación”. “Partindo da longa experiencia do POS, a Deputación quere dar agora un paso máis co deseño dun novo plan de todos e para todos, que centralice a maior parte das achegas provinciais nunha soa convocatoria”, afirmou o presidente da Deputación, que destacou que os 74 millóns de euros de orzamento do POS+ 2017- Plan Único de Concellos “supoñen o maior investimento contemplado nun plan provincial na historia desta Deputación”, que se verá incrementado ao longo de 2017, xa que por primeira vez se deseña “un plan dinámico”, que permitirá absorber incrementos orzamentarios procedentes de superávit, polo que o orzamento final do Plan podería incrementarse ata os 100 millóns de euros sen necesidade de tramitar unha nova convocatoria. Segundo explicou Fomoso, o plan contempla que en lugar de tramitar tres plans (o POS, o PAS e o PAI en 2016) e 11 liñas de subvencións diferentes se unifique todo nunha única convocatoria anual, o que permitirá aos concellos planificar mellor os seus orzamentos e programar os investimentos en función das súas necesidades. A incorporación das liñas de subvencións ao Plan Único suporá ademais que se deixen de tramitar 1.000 expedientes cada ano dende os concellos coruñeses, co consecuente aforro de custes e tempo. Procedencia dos fondos Os 74 millóns do POS+ 2017 proveñen dunha achega orzamentaria do exercicio de 2017 por importe de 32,5 millóns de euros, que inclúe os 24,2 millóns que cada ano leva o POS, aos que por primeira vez se suman os 8,3 millóns de euros que ata agora se viñan destinando anualmente ás liñas de subvencións a concellos para investimentos e actividades en Cultura, Deportes, Promoción Económica, Turismo, Servizos Sociais, Igualdade e Envellecemento activo; unha achega de 20 millóns de euros que proveñen de superávit das contas provinciais en 2016 e unha liña de préstamos provinciais (ata agora destinados ao Plan de Aforro e Investimento-PAI) por importe de 21,5 millóns de euros. Os fondos distribuiranse de forma obxectiva entre todos os concellos coruñeses utilizando os criterios do POS, que se basean en cuestións como a poboación, a superficie ou o esforzo fiscal de cada municipio e que durante mais de 25 anos gozaron do consenso de todas as forzas políticas representadas na Deputación. Sanear as economías municipais González Formoso destacou como “unha liña fundamental na filosofía deste novo plan” a súa contribución ao saneamento das economías municipais. Dependendo do nivel de saneamento e do endebedamento de cada concello, o POS+ 2017 contempla dedicar ata o 75% dos fondos asignados para pagar de forma prioritaria aquelas débedas con provedores que teñan unha antigüidade superior aos tres meses. “Isto non só servirá para sanear as contas dos concellos, senón que repercutirá positivamente no tecido empresarial, conformado en boa parte por pequenas e medianas empresas, incrementando así a actividade económica da provincia e axudando a consolidar o emprego a nivel local, obxectivo prioritario e transversal de todas as políticas deste Goberno”, apuntou González Formoso, que subliñou a concepción do plan como “un revulsivo para as economías dos 93 concellos coruñeses” que, á súa vez, redundará nas pemes, provedores e contratistas na difícil conxuntura económica actual. A Deputación da Coruña ten débeda cero e cumpre con folgura, mes a mes, o prazo de pago a provedores establecido pola lexislación vixente en 30 días, situándose entre as deputacións de España que máis rápido pagan as súas facturas. “Con este plan pretendemos que os concellos sigan tamén esta senda”, detacou o presidente provincial, que considerou que nun prazo de dous anos o plan permitirá que os concellos da provincia estean ao día no pago das dúas facturas. O POS+ 2017- Plan Único de Concellos non esquece tampouco a importancia de axudar aos concellos na redución da súa débeda coas entidades bancarias. A acción da Deputación neste sentido ten sido moi importante nos últimos dous anos grazas ao Plan de Aforro e Investimento (PAI), un plan de préstamos con cero xuros e dous anos de carencia que permitiu reducir a débeda dos concellos coruñeses en 17 millóns de euros e financiar novos investimentos por outros 16 millóns. Este Plan contempla unha partida de 21,5 millóns para que os concellos que o desexen podan seguir solicitando este fondos destinados a reducir a débeda municipal. Simplificar, obxectivar e reforzar a autonomía municipal A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín destacou a condición de “histórico” dun plan que supón “un cambio de modelo total respecto do actual para darlle absoluta autonomía aos concellos, simplificar a tramitación administrativa e ofrecer con tempo unha previsión anual para a elaboración dos orzamentos municipais”. “Historicamente os concellos tiñan que vir á Deputación para solicitar as súas demandas, agora poden ter unha previsión inicial e os recursos están ao seu dispor desde o primeiro momento, con criterios obxectivos, os do POS, que levan vixentes varias décadas con consenso político”, explicou Goretti Sanmartín. Pola súa parte, o deputado responsable de Plans Provinciais, Xosé Regueira, fixo especial fincapé na “singularidade” dun Plan que “mellora e simplifica as fórmulas de financiamento das administracións máis achegadas aos problemas da sociedade, que son os concellos”. Ofrece ademais, segundo o deputado da área, “un mecanismo para sanear as contas públicas aos concellos en dificultades, que facilite mellorar os períodos medios de pago as empresas e, que evite que os concellos con graves problemas económicos non se vexan na obriga ou de reducir servizos ou de subir taxas e impostos para facerlle fronte aos déficits e débedas”. Regueira explicou que o Plan facilita que os concellos destinen a achega provincial seguindo “os criterios de prioridade municipal que as corporacións decidan en cada caso”, pudendo así dedicarse ao pago de provedores, a gasto corrente, a obras e subministracións, a honorarios de redacción de proxectos e, incluso, a cofinanciar outros plans ou programas empregando estes fondos para satisfacer a achega municipal aos mesmos. Destacou, asimesmo Xosé Regueira, que o Plan responde a unha “reclamación histórica” e supón un “instrumento que avanza moitísimo na transparencia na distribución dos fondos”

Comentarios