O PP dálle as costas aos emigrantes retornados

Así estaban onte as rúas de Compostela, cheas de veciños da Costa da Morte.

I é que pesar das boas intencións manifestadas polo presidente da Xunta, o PP evitou este mércores modificar a lei para axudar aos emigrantes retornados. E é que o Parlamento galego rexeitou, cos votos do PP, unha proposta do BNG, apoiada polo resto dos grupos da oposición, para modificar a lei do IRPF así como outros cambios parciais en lei de sociedades para favorecer a este colectivo.
O argumento dos populares foi, unha vez máis, agardar ao que faga Madrid. Así, o portavoz popular no Parlamento galego, Pedro Puy, dixo que na reforma fiscal que se está tramitando nas Cortes españolas xa se contempla que a partir do 1 de xaneiro non haberá sancións nin intereses aos pensionistas emigrantes retornados, que terán un prazo de 6 meses para regularizar a súa situación e devolverase o diñeiro a quen se lle cobrou indebidamente.
E, como xa fixo Feijóo, volveu dicir que estas persoas non son defraudadoras e, por iso, xa se están pondo en marcha os trámites para que non se vexan afectadas. “O BNG pretende aproveitar un descontento, que o PP entende e espera que corrixa, para facer un uso electoralista", dixo.
Esta acusación de electoralismo ao Bloque ven a conto de que foi este grupo o que levou a iniciativa á Cámara e o que estivo cun grupo de afectados ás portas da Cámara. Por iso, a portavoz do BNG no debate, Tereixa Paz, cualificou de "parche" as medidas contidas na reforma fiscal do Goberno central e, ademais, lamentou que estea feita "de forma chafalleira" porque "non aclara as obrigacións de quen debe presentar a renda e crea máis inseguridades xurídicas cos afectados".
Segundo Paz, se Galicia tivese competencias propias en Facenda, sobre o sistema tributario, "os emigrantes non sufrirían o acoso que están a sufrir da Axencia Tributaria". Por iso, insistiu en que estas persoas non son defraudadoras, xa que "esas xa se sabe onde están, máis relacionadas coa rúa Xénova -(sede o PP en Madrid)- que coas aldeas galegas".
Tanto Carmen Gallego (PSdeG) como Juan Manuel Fajardo (AGE) e Carmen Iglesias (Grupo Mixto) coincidiron en apoiar a proposta do BNG e lamentaron que se acose a estas persoas e, con todo, haxa un trato desigual, unha dobre vara de medir para grandes defraudadores, sobre todo os que teñen que ver co PP, sinalaron.
Mentres se trataba esta cuestión un grupo de emigrantes retornados seguiu desde a tribuna de convidados o debate e ao abandonar o pleno non ocultaron a súa decepción co rexeitamento do PP. Fóra, na rúa, varios centos de emigrantes reclamaban fronte ao Parlamento que se atendese ás súas demandas.
Novas relacionadas
- 25-09-14: Os emigrantes retornados seguen a súa loita en Facenda.
- Estalido de paixón e rabia dos Emigrantes Retornados.
- Os emigrantes retornados renderon homenaxe en Coristanco á primeira vítima da estafa de Facenda.
- Emigrantes Retornados de toda Galicia renderán homenaxe en Coristanco á primeira martir da Reforma das pensións.
- 24-04-14: Os emigrantes retornados da Costa da Morte tamén protestaron no Parlamento.
- 17-02-14: Emigrantes retornados saen de novo á rúa defendendo os seus aforros.
- 29-10-14: Os emigrantes retornados tamén se manifestan nas rúas de Cee.
- Cee analizou o drama das pensións.
- A cidadanía toma as rúas da Costa da Morte en clave de protesta.
- De oficina en oficina berrando polos meus aforros.
Fonte
- Vía Galicia Confidencial.