O turismo mariñeiro esténdese por toda Galicia con Margalaica


Nacía no sur da Costa da Morte, da man do Grupo de Acción Costeira 4- Seo de Fisterra e Ría de Muros e Noia. De feito, o modelo implantado polo Club de Produto e Estándar Finisterrae foi posto como exemplo por Turespaña en varias ocasións.
Hoxe xa podemos dicir que está instalado en toda Galicia. A Xunta vén de presentar o proxecto Margalaica a nivel galego, de xeito que todos os GAC promocionarán de maneira conxunta e coordinada o turismo mariñeiro en Galicia.
Malia que as experiencias na Costa da Morte co turismo mariñeiro non son as mellores (Lira e Laxe non acaban de verlle un rendemento real malia que a potencialidade sexa interesante) a Xunta entende que servirá “para dinamizar e potenciar os nosos recursos”.
Mar Galaica
O Club de Produto Mar Galaica naceu no marco do plan de mellora do turismo mariñeiro do GAC 4. Está formado por empresas de hostalería, museos e centros de interpretación vinculados ao mundo do mar para a realización de actividades e servizos de turismo mariñeiro. O ano pasado coñeceramos propostas como os Obradoiros gastronómicos ou as Xornadas de degustación "Cómete o mar".
A través desta iniciativa, que constitúe un exemplo de promoción da calidade dos produtos do mar galegos, fórmase aos operadores dos produtos turísticos, impulsándoos como os mellores embaixadores da cultura, etnografía e patrimonio de Galicia.
Esta acción concorda coa liña que promove a Unión Europea para promocionar e impulsar o turismo mariñeiro e encaixa na iniciativa de Crecemento Azul (Blue Growth initiative) proposta pola comisaria de Pesca María Damanaki.
Novas relacionadas
- Obradoiros gastronómicos para comernos o mar.
- A Costa sabe degustar o seu mar.
- O GAC do sur da Costa aumenta o seu pontencial en turismo mariñeiro.
- Madrid degusta de novo o que estamos pescando.
Fonte
- Nota de prensa da Xunta.