Os bombeiros encérranse no Parque de Bombeiros de Santa Comba
Xa levan en folga dende o mes de decembro e onte volvían a poñerse en pé de guerra. Os Bombeiros da Costa da Morte volvían levar a súa guerra contra as empresas concesionarias do servizo contraincendios ás portas do Parque de Bombeiros de Santa Comba. E alí levaron a súa folga uns 15 bombeiros (2 quedan en servizos mínimos), encerráronse dentro do Parque, solicitando un "Convenio Colectivo, xa", como xa teñen o resto de parques do país. Numerosos compañeiros de toda Galicia viñeron ata a porta para apoiar a súa loita.
Fontes cercanas aos bombeiros denuncian que a se romperan as negociacións tras unhas "abusivas" últimas conversas. "Ríronse de nós", aseguran unha vez que a empresa concesionaria, Nanutecnia, "ofreceunos peores condicións mesmo que as do convenio, menos baixas laborais, cambios de turnos ao seu antoxo, descontos abusivos de ata 250€ por un día de folga e mesmo amenazas..." "Só pedimos traballar", aseguran.
Privatización e rendabilidade
Valoran a problemática como un novo caso de privatización dun sector tan público como o servizo antiicendios, o que provoca que a seguridade quede supeditada ao rendemento económico. Esta política das concesionarias é valorada polos bombeiros como a "lei do amigo".
"Non nos deixan traballar, nin investigar, nin facer protocolos de actuación. Pedimos formación, e mesmo agora temos que pagar a propia formación, e iso que a empresa rexeitou unha subvención para formación de 13.000 da AGADER que lles costaría á empresa menos de 4000€".
Pero as políticas de aforro nótanse en cousas aínda máis graves. "A última vez que tivemos problemas ca dirección foi no dispositivo de búsqueda dunha señora maior de Ameixenda. Porque os bombeiros saímos na búsqueda pero avisaron ao coordinador do Parque, e liu a mensaxe dúas horas despois dicindo que non fai falta, que xa había medios de sobra e que non era a nosa responsabilidade, polo que tivemos que voltar e deixar a búsqueda a medias".
Tamén denuncian que seguen con problemas nos equipos: "Seguimos tendo problemas cas emisoras de comunicación, xa que falta unha para que todos esteamos conectados, e hai días que unha persoa queda fóra. As baterías están fallidas, arregladas de mala maneira como o bull (o camión), que tampouco funciona como debería por falta de mantemento".
E poñen outro exemplo concreto. "Hai pouco fumos salvar un can que caera nun furado e dende arriba pediron explicacións, dicindo que "se está no protocolo, nós imos, pero se non está, non imos", porque cando non hai onde facturar non queren mobilizar aos medios", denuncian.
Novas relacionadas
- 19-02-14: Os bombeiros da Costa rompen negociacións ca súa empresa tras 2 meses de folga.
- 05-02-14: A situación laboral dos Bombeiros da Costa da Morte, aínda en folga, chega ao Parlamento.
- 30-12-13: Os bombeiros critican a falta de recursos pero louban a labor de Protección Civil no incendio da Barca.
- 12-12-13: Os parques de Bombeiros de Cee e Santa Comba amencen con pintadas de protesta.
- 11-12-13: Os bombeiros da Costa da Morte tamén saen á rúa en folga.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).