Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Os estudantes convocan unha folga para exisir unha lei galega de educación

Os estudantes convocan unha folga para exisir unha lei galega de educación
Os estudantes galegos, a través do colectivo Erguer, convocan unha folga xeral no ensino secundario e nas universidades para este xoves, día 16, co fin de esixir unha Lei Galega de Educación.
A través de Erguer lembran a parálise de todo o relacionado coa LOMCE que, segundo indican, "permanece inalterábel e que está a aplicarse en Madrid e en Galiza sen que, cando menos, se debata a súa derrogación ou a súa paralización de facto", sinala o colectivo estudantil.  Ademais, afirman que tras a suspensión das reválidas o pasado curso "após seren amplamente contestadas pola comunidade educativa", neste ano escolar a LOMCE pasa sen pena nin gloria, esquecida no debate político.
Os estudantes contan co apoio da confederación de ANPAS galegas así como da federación provincial de ANPASs da Coruña-Costa da Morte.
Tanto alumnado como familias enumeran unha serie de feitos que rexeitan, tales como os recortes e o desprezo cara a toda a comunidade educativa que, segundo indican, realizan os gobernos da Xunta e de Madrid no Ensino Público Galego nos últimos anos; critican a redución das bolsas e das axudas ao estudo, a masificación das aulas; a ausencia de profesorado especialista nalgunhas materias ou a non oferta doutras por falta de profesorado (por causa de todo o que ten que ver coas afíns e coa non convocatoria de amplas ofertas de emprego que cubriran, cando menos, as xubilacións); a alta taxa de interinidade na docencia; a falla dunha posta en marcha de plans de mellora da calidade do ensino; os recortes en todo o relacionado coa atención á diversidade e aos programas de reforzo educativo; as carencias nalgunhas infraestruturas e no equipamento dos centros, o peche de unidades e de ciclos; o aumento dos servizos de pagamento tanto no ensino universitario como no medio; o endurecemento do acceso á Universidade ou ao ensino superior para as persoas con menos recursos promovendo unha educación elitista. Ademais as familias coinciden na necesidade dunha Lei Galega de Educación.
Desde Erguer explican que a comezos de curso fixeron asembleas abertas en 70 centros públicos galegos para artellar propostas que se puideran incluír nesta norma e que o pasado 16 de outubro celebraron un referendo, no que participaron máis de 10.000 estudantes, obtendo un 94% de apoio a ditas propostas. Ademais de presentarlle estes resultados á consellaría aproveitaron a ocasión para pedirlle ao goberno da Xunta que aposte "por un modelo educativo radicalmente distinto, verdadeiramente pedagóxico e baseado na formación práctica e na avaliación continua, no canto de fundamentarse en probas puntuais que marcan por completo o noso futuro académico", sinalan os estudiantes. Os estudantes piden un aumento das horas lectivas impartidas en galego e "incluír nos currículos das distintas materias todos aqueles aspectos da nosa historia e cultura propias que son relegados ao esquecemento pola uniformización do que estudamos cos contidos do resto do Estado español". Por todos estes motivos, o colectivo estudantil fai un chamamento a apoiar esta convocatoria de folga "co obxectivo de lembrarlle aos gobernos central e galego que as súas políticas teñen enfronte a todo o estudantado do país". "Ao tempo, animamos ao profesorado e ás nais e pais e facilitar a participación en todas as mobilizacións previstas para a xornada de folga en todo o país", indican dende o colectivo de estudantes Erguer.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios