luns. 19.05.2025
El tiempo

Falemos dos callos de Muros

Callos de Muros
Falemos dos callos de Muros

Os callos son un dos pratos de cociña máis típicos da gastronomía muradán. Un prato que case sempre se preparaba en domingo, por ser a súa elaboración algo complexa e levar moito tempo o seu cociñar.  O mellor foi sempre poñelos ao lume naquelas cociñas de ferro, que como a coñecida Bilbao n 9, facían o seu traballo de forma lenta, pero coa garantía de que a cocción lenta garantía un prato feito para goce dos paladares máis esixentes.

Os callos e Muros, (moi ao uso dos callos de toda Galicia), levan garavanzos e cominos. Outros callos, como os asturianos e os madrileños, para nada usan de tan prezada legume.

Os callos chámanse así porque usan como produto base o “callo”. E que será isto do callo, que se preguntará mais de un?. Pois ben, mais dunha vez temos escoitado a frase “que callo tes ¡¡”. E oída a frase, ninguén pensa nos callos dos pes ou nos callos das mans.

Estamos pensando no estómago que ten a persoa para ser capaz de facer tal ou cal cousa. E o que me lea… estará pensando: ¿a onde quer chegar o da calle ancha?. Pois o da calle ancha pensa i escribe que os callos para chamarse callos teñen que levar (pouco ou moito) CALLO, que non é, nin mais nin menos que o estómago da vaca, que é cousa de toda a vida, e moi prezado por tódalas xeracións que nos precederon.

O uso  callo vaise perdendo por mor dos novos usos e costumes culinarios, e tense a menos por consideralo un elemento “innobre” do rumiante.
E ven todo isto a colación, porque tamén no culinario se están perdendo usos e tradicións, tanto que ata hai quen os cociña con patacas e con outros máis produtos, que nada teñen que ver cos callos de toda a vida. Aos callos: callo, pata e chourizo, todo o demais que se lle engada, non será máis que facer o que agora chaman “cociña creativa”, o que non está mal, pero hai receitas que teñen uns límites, e poño un exemplo:  para asar sardiñas o método é o que é, pero ultimamente, engadese mollar as sardiñas en cervexa porque supostamente dálles tal o cal sabor! Bueno, son cousas!.

E xa vou rematando… A alguén se lle ocorrería facer unha caldeirada de badeixo, usando outro peixe que non fora badeixo? Pois… é que non, e como é que non, para facer callos e chamarlle así… pois o dito… a botarlle (pouco ou moito): CALLO.

P.L.: Pois non, que non vou a pór a receita dos callos, que todo o mundo sabe facelos, pero insisto: un pouquiño de CALLO aos CALLOS.

 

Outros artigos de Manuel Lago Álvarez


 

Comentarios